A Ribeira Sacra ten música. É un dos grandes encantos de Galicia, un tesouro que, ademais, busca ser Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Nese obxectivo está tamén Luar na Lubre. O grupo galego adica a esta xoia galega o seu último traballo, un álbum que se presentará este sábado 26 de xaneiro, a partir das 20:30 horas, no Teatro García Barbón de Vigo.
A banda liderada por Bieito Romero gravou en outubro de 2017 este novo traballo discográfico no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos, Ourense), que ten como finalidade poñer en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio.
O novo disco de Luar na Lubre inclúe 26 temas que proveñen de composicións propias, música tradicional e melodías para "lembrar e poñer en valor todo o patrimonio que temos na Ribeira Sacra", en palabras de Bieito Romero. "Esta gravación tocoume o corazón, porque as miñas orixes están na Ribeira Sacra e, ademais, para todos supuxo un proxecto moi especial porque comezamos a traballar nel na data en que os lumes fixeron estragos en Galicia en outubro de 2017, e o feito de estar nun territorio de tan alto valor natural fíxonos arrincar con moito tristeza". Ademais, o disco conta con ducias de colaboradores, desde Víctor Manuel ata Ses, pasando pola Coral Ruada ou Nani García.
As entradas para asistir ao concerto de Luar na Lubre en Vigo pódense adquirir na web de Ataquilla dende 18 euros. O recital terá lugar este sábado 26 de xaneiro ás 20:30 horas.