Coa celebración do Xacobeo 2021 no horizonte, a Xunta de Galicia continúa co desenvolvemento da actividade cultural como eixo de promoción das rutas xacobeas, atendendo a descentralización propia dos “camiños” ofrecendo concertos, exposicións e actividades nos diferentes concellos polos que atravesa algunha das rutas xacobeas. Con esta premisa, Vive o Camiño traerá o vindeiro luns, 25 de xuño, a música en directo ao concello da Guarda.
A emblemática Praza do Reló será o escenario escollido para os concertos de Magín Blanco e Najla Shami, actuacións de balde que darán comezo ás 20:00 horas.
O compositor e cantante especializado en temática infantil, Magín Blanco, será o encargado de abrir a cita coa presentación do seu novo espectáculo “Camiños”, unha viaxe e un lugar de encontro e descubrimentos para os nenos. A través de cancións, contos, poemas e textos de destacados escritores galegos, a música de Blanco ofrece un espectáculo de diversión adaptado para todas as idades que contribúa ao desenvolvemento emocional da rapazada.
Pola súa parte, a fusión cultural de Najla Shami, filla da fusión cultural galega e palestina, ofrecerá unha selección dun repertorio moi especial, fusionando músicas de diferentes lugares e acompañada polos multinstrumentistas brasileiros Sérgio Tannus e Maurício Caruso. Música galega con carácter étnico, combinación fresca e singular.