Ponteareas, coma o resto de concellos da contorna, celebra na tarde de hoxe a súa habitual Cabalgata de Reis Magos. Porén, no caso da vila do Condado, a súa comitiva conta cun ingrediente especial: a presenza dos tradicionais ranchos, únicos na nosa área xunto aos do Morrazo.
Os ranchos remóntanse a unha antiga tradición, agora recuperada e que estivo a piques de esmorecer, na que diferentes agrupacións percorrían as rúas vestidos de branco no día de Reis con bailes e cantos tradicionais a cambio de esmorga e lambetadas. Hoxe, Ponteareas é o único concello que mantén esta tradición no Condado, que se suma as habituais carrozas dos Reis Magos cos ranchos de Reis de Forzara, Guláns, As Cortellas e os Muíños de Oliveira.
En total, máis de 200 persoas participan nunha comitiva composta, ademais das súas maxestades, por trinta paxes reais, modelos de coches clásicos da Asociación de Coches clásicos de Ponteareas, figuras articuladas con diferentes performances, membros da banda de gaitas Tremiñado, da rondalla, da Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, ademais de voluntarios que traballarán para que a maxia chegue aos cativos.
En total, repartiranse en torno a 1.000 quilos de caramelos, entre os do Concello e os doados polas casas comerciais. No caso dos primeiros, “serán sen glute, sen azucre e sen lactosa e estarán claramente diferenciados”, explica a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista.
Percorrido da Cabalgata de Reis en Ponteareas
A cita arrancará xa ás 16:30 horas con animación de rúa e música dos ranchos de Reis. Xa ás 18:00 horas, as súas maxestades reais chegarán dende Oriente para saír dende o CEIP Fermín Bouza Brey e desfilar pola avenida Rosalía de Castro, subir polo Concello ata a Praza Maior, ir aá Praza de Arxentina, Fernández Vega, pasar por Reveriano Soutullo, chegar ata rúa Constitución, Praza Bugallal e rematar en Morales Hidalgo. Será no interior do Auditorio Municipal onde os nenos e nenas poidan pedir os regalos de última hora aos tres Reis Magos.
No caso de chuvia persistente a cabalgata dos Magos de Oriente irá directamente dende o CEIP Fermín Bouza Brey ao auditorio.