Máis de 1.700 mascotas na procura dun fogar en Moaña

O Concello de Moaña volverá acoller por cuarta vez a Feira de Adopcións de animais na contorna da Praza de Abastos. A cita, que se desenvolverá entre o sábado 22 e o domingo 23 de setembro, busca recadar fondos para as protectoras, visibilizar o seu traballo e atopar fogar para centos de animais.

En total, 17 asociacións de toda a provincia, chegadas dende Redondela, Baiona, Ponteareas ou Vigo, participarán neste evento solidario que pon ademais de relevancia os preocupantes datos deste 2018. Segundo veñen de denunciar dende Colonias Canguesas, este último ano acendéronse todas as alarmas ante o importante aumento en abandonos.

O sábado, o evento arrancará ás 17:00 horas no Palco da Música, coa apertura de todos os postos nos que ademais da información relativa a actividade das protectoras os asistentes poderán mercar produtos de artesanía e merchandising.

A partires das 19:30 horas celebrarase o concerto de “A Banda da Revolta”. O grupo do Centro Social A Revolta do Berbés versionará temas de sobra coñecidos por todos dos anos 80 e 90. Durante o concerto estará tamén instalada unha barra solidaria coa que recadar fondos. Cada unha das protectoras precisa, soamente en alimento, máis de 100 quilos semanais.

Xa o domingo, día 23, terá lugar a Feira de Adopcións propiamente dita. Con apertura ás 11:00 horas, a organización celebrará unha sesión vermú ás 12:30 horas cunha pinchada de DJ e degustación de pinchos veganos e sen glute a prezos populares.

Na tarde, todos os que o desexen poderán participar no paseo canino que percorrera a beira marítima do municipio. Neste apartado faise especial fincapé na necesidade de voluntarios que acudan para pasear aos cans das diferentes protectoras.

A cuarta edición da feira rematará co desfile de cans en adopción ás 19:15 horas. Será o momento no que os que desexen darlle unha segunda oportunidade a algún dos animais poidan velos en primeira persoa.

A cita, que conta coa colaboración do Concello de Moaña, foi presenta na tarde deste venres por Antía Acuña e Ariana Romero, de Colonias Canguesas, Coral Ríos, concelleira de Promoción Económica e Turismo, e diversos voluntarios e voluntarias.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*