A concellería de Cultura e Turismo do concello de Ponteareas presenta o programa das festas do mes de setembro que, un ano máis, ten como obxectivo ofrecer actividades para un amplo público no que todos os membros da familia atopen algún atractivo.
Dende o día 1 e ata o día 30 de setembro en Ponteareas poderase asistir a concertos de diferentes estilos musicais, desfiles, concursos, obradoiros, espectáculos de maxia, animación nas rúas e diferentes ofertas culturais e de lecer.
A pasada fin de semana, como xa se anunciara, o museo municipal acolleu a exposición de bonsais, obradoiros de iniciación á poda e demostracións de traballos de madeira morta. O domingo día 2 comezou o XXXI Festival Folclórico a partir das 19:00 horas coa ruada das agrupacións folclóricas “Os Muíños de Oliveira”, “Casa Cultural de Areas”, “Pedra da Garza de Fozara” e “Algazara de Celeiros” que actuaron no auditorio municipal a partir das 20 horas.
Como novidade este ano por vez primeira, a veciñanza poderá participar no obradoiro de confección do traxe galego totalmente de balde todos os xoves de setembro (6, 13, 20 e 27).
O venres día 7, ás 12:30 horas, os xigantes e cabezudos toman as rúas do centro urbano e a animación musical tomará o relevo ás 21:00 horas mentres que ás 23:30 horas chegará o turno da agrupación The Turre´s Band. Ás 22:00 horas na Praza Maior terá lugar o espectáculo de maxia a cargo de Martín Camiña.
O prato forte desta primeira quincena de festas chega o sábado día 8 coa XII Feira Tradicional dos Remedios que abrirá as súas portas ás 10:00 horas na praza Bugallal, rúa Vidales Tomé e rúa Morales Hidalgo, exposición de gando, concurso de traxes de época con premios para os gañadores e gañadoras e animación de rúa. O concerto da Banda de Música Unión de Guláns e a actuación da orquestra La Dimensión na Praza Maior, ás 22 horas e ás 01:00 horas, completarán o programa para este sábado día 8 no que a famosa cantante galega Ses ofrecerá un concerto na praza do Concello ás 23:00 horas.
O domingo día 9 a partir das 19:00 horas a segunda volta do XXXI Festival folclórico encherá de ritmo o centro urbano coa ruada das agrupacións folcloricas de Xinzo, S. Salvador de Padróns e Sadeo que actuarán no parque da Feira Vella ás 20:00 horas. Na Praza Bugallal ás 21 e 00,00 horas actuará a orquestra Mar Azul e a orquestra Ceniza na Praza Maior ás 22:30 e 01:30 horas.
O luns día 10 será festivo local e todo o mundo, maiores e pequenos, desfrutarán do tobogán acuático de maís de 60 metros instalado na rúa Constitución en horario de 12:00 a 14:30 horas e de 17:30 a 21:00 horas. Este tobogán xigante retará a todos os que desexen atreverse co chapuzón, aberto a todas as idades. Tamén haberá animación de rúa a cargo do grupo Os Viqueiras e ás 22:00 horas música da orquestra espectáculo La Fórmula na Praza Maior.
A presentación do premio Fermín Bouza Brey chega o xoves día 13 ás 20 horas no salón de plenos da casa do concello e o venres 14 a Praza Maior será da mocidade que participará en obradoiros de DJ e Breakdance. Ás 19:00 horas inaugurarase no auditorio municipal a exposición de pintura de Aurora Quinteiro e Charo Quinteiro que estará aberta o mércores, xoves e venres de 18:00 a 20:00 horas e os sábados de 11:00 a 13:00 horas.
O concerto “Música Rebelde” contará cos grupos Son da Rúa, Ezetaerre e The Skarnivals no parque da Feira Vella ás 22:00 horas do sábado dia 15.
O domingo día 16 a Banda de Música Reveriano Soutullo ofrecerá un concerto nos xardíns do concello ás 12:30 horas logo de percorrer as rúas do centro da vila.
A programación cultural e festiva prolongarase na segunda quincena de setembro no marco das festas de San Miguel que tamén traerán a Ponteareas moita música, o máis prestixioso concurso de gaitas do país e actividades para todos os públicos.
O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, destaca a importancia de ofrecer actividades festivas, de lecer e culturais nas que o máis importante sexa a participación da cidadanía que, con motivo das festas, pode gozar de momentos propicios para a relación social.