Afundación acollerá este xoves 28 de xuño, a partir das 21:00 horas, o espectáculo cómico "Malo será!" no Teatro García Barbón, unha obra que está protagonizada por recoñecidos rostros da TVG.
"Malo será!" supón a viaxe da Televisión de Galicia ás táboas do teatro a populares figuras da canle autonómica. Eles falan "dun salto arriscado pero... malo será". En total, oito actrices e actores da TVG, acompañados de invitados e sorpresas, saen de xira polos teatros de Galicia para facer un espectáculo de sketches cómicos que será gravado e emitido pola TVG ao longo do verán.
O elenco de "Malo será!" está formado por Lucía Regueiro, Isabel Blanco, Federico Pérez, Marcos Pereiro, Sabela Hermida, Oswaldo Digón, Lucía Veiga e contará tamén coa participación estelar de Touriñán, Manuel Manquiña, Eva Iglesias ou Víctor Fábregas, entre outros.
As entradas para asistir ao espectáculo cómico de "Malo será!" están dispoñibles na plataforma de Ataquilla por un prezo de 7 euros sen contar cos gastos de xestión.