Os clásicos volverán a circular pola área metropolitana de Vigo esta fin de semana coa celebración do XI Rally Cidade de Vigo. A proba, organizada pola Escudería Vigo Clásicos, permitirá gozar de vehículos superiores aos 25 anos de antigüidade, algúns fabricados entre os anos 45 e 74.
Entre os coches que percorrerán as rúas da provincia están modelos como o MG A, Porsche 911, Porsche 356, Renault Alpine A110, Austin Cooper S, Sumbeam Alpine, Morgan 4/4 e Seat 600 Abarth.
O rally arrancará o sábado, 7 de outubro, ás 17:45 horas do centro comercial Gran Vía de Vigo, pasará por Tui, onde realizarán unha parada e visitarán o conxunto histórico, e rematará no Parador de Baiona, sobre as 19:45 horas.
En total, participarán preto de medio centenar de vehículos nunha proba que busca “un equilibrio entre a parte deportiva e a social”, en palabras dos organizadores. Por isto, adquire un carácter solidario xa que se anima aos participantes a doar 10 quilos de alimentos non perecedoiros que serán doados ao Banco de Alimentos.