Mercedes Peón e Raül Refree, produtor de Rosalía, marcan a xornada do Sinsal

Publicidad

O Sinsal sempre depara sorpresas. É o que ten estar ante un festival con cartel secreto. Un dos principais agasallos para a xornada deste venres foi o encontro con Mercedes Peón, que co seu proxecto "Déixaas" foi a encargada de abrir este novo episodio do Sinsal 2019. Foi unha tarde con cinco concertos e actividades como as sesións con Aleksander Solkowski e a charla co xornalista musical Juan de Pablos. Despois da artista galega, pasaron polos escenarios de San Simón o catalán El Petit de Cal Eril, o novo proxecto do produtor Raül Refree -que lanzou ao “mainstream” a Rosalía- coa fadista Lina, os composteláns Blanco Palamera e, dende Ghana, Kyekyeku & Ghanalogue Highlife.

“Déixaas” é o nome do último disco de Mercedes Peón, un álbum que para a revista británica Songlines é dos mellores en Europa no 2018 dunha artista “emotivamente contemporánea”. A galega afronta a súa maneira de entender a música como unha laboral de exploración e movemento continuos. Desde a procura e investigación do son tradicional, tarefas que a levaron a ser recoñecida por unha grande audiencia hai máis de dúas décadas, os roteiros de Mercedes Peón resultan sempre inspiradores. Música autodidacta, compositora, multiinstrumentista, vocalista e produtora da súa propia obra, conta cun extenso recoñecemento internacional. Premio Nacional de Música en 2008 e Premio da Crítica Galicia en Música 2018, achegou “Déixaas” na Illa de San Simón coa colaboración de Mónica de Nut e Ana Fernández.

Ambiente na xornada do venres // FOTO: OLALLA LOJO
Ambiente na xornada do venres // FOTO: OLALLA LOJO

Outro dos protagonistas deste venres foi El Petit de Cal Eril, proxecto tras o que atopamos a Joan Pons, que desprega un estilo entre a canción popular e o folk-rock acústico con toques de psicodelia. Este foi o segundo concerto da tarde, arredor do disco “Energia Fosca”, lanzado en maio de 2019 e que poñen a rodar en diferentes festivais, como o Vida de Vilanova i la Gertrú ou no propio Sinsal. O músico e compositor de Lleida é un nome de referencia na música catalana actual; os seus discos, delicados mentres que o seu directo é emotivo.

Lina & Raül Refree estrean proxecto en 2019. Raül Refree é un nome fundamental na “industria musical” española. Músico e produtor do disco “Los Ángeles” que lanzou a Rosalía á popularidade mundial, xa traballara antes con Silvia Pérez Cruz, Kiko Veneno ou El Niño de Elche. En Lisboa coñece a Lina, que canta no Clube de Fado e axiña entran no estudio de gravación. Rodeado de sintetizadores vintage, Refree enmarca a voz da cantante, grande estudosa de Amália Rodrigues, da que seleccionou un repertorio de clásicos, e prescinde dos instrumentos tradicionais do fado. O resultado, estrea neste verán en festivais seleccionados, unha proposta que xa degustaron os asistentes este venres ao Sinsal.

Raül Refree e Lina, durante a súa actuación no Sinsal // FOTO: OLALLA LOJO

O cuarto concerto da tarde foi o dos Blanco Palamera, dous rapaces que medraron en Santiago de Compostela, onde se coñeceron cando o daban todo por White Stripes e atoparon en Madrid o escenario para crear “Promesas”, o seu primeiro disco. Tras deles, fin da xornada con Kyekyeku & Ghanalogue Highlife, un grupo que moderniza os ritmos vintage de Ghana cun líder virtuoso á guitarra. Participaron no festival Vis a Vis que cada ano organiza Casa África levando a promotores españois máis coñecidos como é o caso do Sinsal.

A xornada do venres do Sinsal contou tamén coa visita do xornalista Juan de Pablos, que participou nunha conversa co público facendo un repaso da súa traxectoria profesional. O evento continuou coas sesións con cilindros de cera do investigador británico Aleksander Kolkowski e, por segundo día, as andainas Sinsal volveron a cubrir prazas coas persoas interesadas en coñecer máis a fondo a Illa de San Simón.

Salir de la versión móvil