Milladoiro encherá de música as “Noites no Castelo” da Guarda

Publicidad

A música entre murallas chega novamente á Guarda. Este sábado, 21 de xullo, o municipio celebra a cuarta edición das súas “Noites no Castelo”. A cita, que arrancará ás 22:30 horas e é de balde, contará con Ardentía e Milladoiro.

Os vigueses de Ardentía, que naceron en 1990, serán os encargados de abrir a cita no emblemático recinto guardés. Destacan pola incorporación de instrumentos que non adoitaban estar presentes en formacións de música folk galega, como o birimbau, o clarinete ou a requinta.

O Castelo, testemuña da Guerra da Independencia de Portugal no século XVII, converterase a partires das 23:30 horas nun escenario de luxo para recibir a Milladoiro.

O grupo folclórico con maior traxectoria e máis internacional de Galicia, con 20 discos ás súas costas, fará vibrar aos asistentes cos seus temas históricos, pero tamén coas novidades de “Atlántico”, o seu último disco editado este 2018. O grupo galego é xa indispensable para entender a cultura folclórica galega e serán eles os que poñan o alfinete de ouro a cuarta edición de Noites no Castelo.

Como chegar até o Castelo da Guarda?

O Castelo da Guarda, que recibe o nome de Castelo de Santa Cruz, sitúase moi próximo ao casco urbano guardés. A mellor forma forma de chegar até el é dende a PO-552, a estrada que vai dende Baiona a Tui.

 

Salir de la versión móvil