Rock e country para despedir o verán en Moaña

Publicidad

O verán xa rematou. O verán non rematou. Xa chegou o outono. Ou quizais non chegou. Todo está mudando, pero se algo temos claro e que o sol aínda está alto no ceo e as temperaturas seguen obrigando a levar bermudas e chinelas. Por iso, en Moaña están decididos a alongar un pouco máis o estío para despedilo, como se merece, este sábado, 29 de setembro.

A gran “Festa de despedida do verán 2018” terá lugar no parque de San Bartolomeu e arrancará ás 22:30 horas co mellor rock e country de dous grupos moañeses: The Lelli Kelly’s e Wach McKánijan & The Outsiders.

The Lelli Kelly´s conforman unha particular banda de rock, sen complexos nin limitacións. O que comezou como un grupo de versións pronto evolucionou até crear os seus propios temas nos que se combina a sátira, a ironía e os mellores sons. Unha aposta que te obrigará a moverte sen parar.

Pola súa parte Wach McKánijan & The Outsiders déronse a coñecer no Festival Arde Rande de 2014 e dende entón foi evolucionando para afastarse da temática habitual do country para “atopar dende unha oda aos teitos que cobren os ghalpóns até a procura de novos furanchos”. A auténtica definición do country feito na Galiza con moita retranca.

Como chegar?

A cita, totalmente gratuíta, desenvolverase no parque de San Bartolomeu, fronte ao Chirín.

Salir de la versión móvil