Música, animación de rúa e animación infantil, concertos e exposicións son algúns dos elementos que nutren este programa no que a actriz e presentadora Nieves Rodríguez métese no papel de pregoeira do Corpus Christi 2018 seguida da actuación da Orquestra de Cámara Galega.
Unha vez abertas oficialmente as festas, o traballo dos e das voluntarias arrancará nas rúas ás 16:00 horas do sábado. Dende ese momento e até ben entrada a madrugada irán cubrindo paseniñamente as rúas do centro de Ponteareas de alfombras de todas as cores con flores e elementos da natureza.
O domingo a banda de música Reveriano Soutullo actuará ás 10:30 horas diante da casa do concello para, deseguido, ás 11:30 horas, dar comezo a misa e a procesión que pasará sobre as alfombras florais.
Xa na tardiña, as carrozas desfilarán baixo unha batalla floral acompañada da Banda de Gaitas Tremiñado e da novidosa animación da empresa Pablo Méndez que fará unha alegoría á arte floral.
Pola súa parte, o luns ás 20:00 chegará o momento de homenaxear aos alfombristas que xa non nos acompañan depositando un ramo de flores xunto ao monumento que os recorda. Ás 20:30 horas o auditorio acollerá o acto de entrega de medallas do Corpus Christi cunha homenaxe especial para a Comisión do Corpus de 1948.
Música en directo o sábado e domingo
O Corpus 2018 de Ponteareas é tamén sinónimo de música nas rúas. O domingo, a praza Maior acollerá a actuación da orquestra América a partir das 22:00 horas e ás 23:00 horas seguiralle o grupo MITIC cos irmáns Álvaro e Suso Costas que presentan un novo xeito de entender a o gaita galega.
O luns, a verbena estará amenizada por unha das grandes orquestras galegas. Ás 22:00 horas a festa arrancará con París de Noia, encargada de pechar as festas na Praza Maior.
O Corpus 2018 virá tamén cargado de novidades non só culturais e de lecer se non tamén técnicas porque atendendo ás peticións dos alfombristas, o goberno incrementará os puntos de luz e mellorará a iluminación para facilitar o traballo nocturno de todos e todas as alfombristas.
108 focos halóxenos de 250W máis 50 focos led que proporcionan un gran aforro enerxético posibilitarán que as mans que trasladan a arte floral ao pavimento das rúas e prazas traballen con precisión e detalle.
Sesenta e dous arcos e motivos festivos luminosos adornarán as rúas de Ponteareas para recibir aos visitantes chegados de todos os puntos de Galicia, Portugal e do resto de España que se desprazarán en vehículos particulares e autobuses.