Moaña Antiqua devolve o seu esplendor medieval a San Martiño

Publicidad

Moaña despide o mes de xuño e inicia xullo viaxando na súa particular máquina do tempo. É un traxecto especial, case rutinario. O municipio do Morrazo festexa dende o 29 ao 1 de xullo a terceira edición de Moaña Antiqua, unha festa que terá lugar en San Martiño, a parroquia orixinal de Moaña.

Moaña Antiqua estará composta por tres xornadas cheas de actividades para todos os púbicos e todas as idades. A festa comeza o venres ás 20:45 horas co pregón da escritora Iria Collazo. A foliada medieval continuará o 29 de xuño cunha exhibición de cetraría (21:00 horas) e cun espectáculo de Troula Animación, que presentará "Errantes" (22:00).

Na fin de semana chegará o gran momento do evento. Moaña Antiqua abre o seu mercado medieval. O primeiro día, o sábado 30, será de 11:00 a 22:00 horas. Entre as actividades máis destacadas están os obradoiros infantís (11:30-13:30 e 17:00-21:00) a cargo de Matrácala que permitirá que a cativada poida facer escritura medieval, acuñación de moedas, lacrado e xilografía.

Ese mesmo sábado, os asistentes poderán asistir a unha loita medieval ás 20:00 horas a cargo de Adoc Cabaleiros de Moaña e ás 21:00 horas á exhibición de cetraría na que haberá unha gran variedade de aves na que participará tamén o público.

A primeira xornada do mercado medieval de Moaña Antiqua pechará coa actuación musical de Caxade no Adro de San Martiño.

O domingo as actividades chegarán até ás 23:00 horas. Serán moi similares ás do sábado. De feito, os horarios dos obradoiros infantís e da exhibición de cetraría son os mesmos. Outra proposta interesante desta edición de Moaña Antiqua (que tamén estará tanto o sábado como o domingo) e é a haima de adivinación e tarot a cargo de "A Pitonisa Felisa", que terá lugar o día 30 de 20:00 a 22:00 horas e o 1 de xullo de 19:00 a 21:00 horas.

Os asistentes a esta nova edición de Moaña Antiqua poderán gozar durante toda a fin de semana de música tradicional, de postos de comida e bebida e establecementos de artesáns que dotarán dun maior realismo esta festa histórica que logrou consolidarse no programa de eventos de Moaña.

Autobuses de balde e zona de lecer

Os interesados en asistir ao evento teñen a súa disposición autobuses gratuítos con saída dende A Xunqueira pasando pola Praza de Abastos. A saída está prevista ás horas en punto e ás media dende San Martiño.

Por último, na zona da festa de época haberá un área de lecer para comer tanto na Carballeira como en fincas da contorna.

Salir de la versión móvil