Haberá Moaña Antiqua. A festa de época convivirá tanto coa emerxencia sanitaria da COVID19 como coa previsión meteorolóxica que apunta que haberá unha intensa chuvia na primeira fin de semana de outubro. Precisamente, o mal tempo obriga a mudar a programación habitual do evento, que finalmente suspende o seu mercado medieval habitual e soamente celebrará as actuacións culturais.
Os actos de Moaña Antiqua concentraranse nunha carpa na que se desenvolverán todos estes eventos culturais. Será unha festa atípica. Xa o era polas condicións especiais que marca a COVID19, pero agora esa singularidade é aínda maior para integrar o evento con esa choiva da vindeira fin de semana. A festa inaugurarse o venres 2 de outubro co monólogo de Sergio Pazos, “Afiando con humor,”. O show terá lugar ás 20:45 horas. A primeira xornada rematará co concerto de Fanfarria Taquicardia ás 22:00 horas.
O evento moañés mesturará o sábado historia e música. A segunda xornada de Moaña Antiqua arrincará coa charla de Uxío García Barreiro, que falará da orixe e o desenvolvemento da parroquia de Moaña (18:15). Tras esa viaxe ao pasado, ás raíces da vila morracense, a festa de época estará amenizada pola actuación con Moañesa de Música e Danza (19:15), un espectáculo concedido polo programa Pontegal da Deputación de Pontevedra.
Moaña Antiqua terá un peche especial. O colofón desta quinta edición estará marcado polo concerto da Banda de Música Airiños do Morrazo, un recital que comezará ás 21:30 horas e no que se conmemorará o 140 aniversario da agrupación musical. A actuación será peculiar xa que, por mor do protocolo COVID, a colocación dos músicos será diferente a habitual.
Toda a programación de Moaña Antiqua é de entrada libre ata completar o aforo de 200 persoas que ten a carpa. A “apertura de portas” será dunha hora antes de cada espectáculo. O Concello de Moaña e a Asociación Moaña Antiqua destacan que se seguirá un esixente protocolo COVID, unha actuación que xa se fixo con éxito noutros eventos do verán como o concerto de Sés ou no Festival de Jazz.
A concelleira de Turismo e Promoción Económica, Coral Ríos Santomé, destacou que todas aquelas persoas que queiran acudir á festa que estean tranquilos. “Hai que ter respecto, non medo. A cultura é segura e non debe cancelarse”, sinalou afondando nesa aposta do Concello de Moaña por non cancelar ningún evento cultural por mor da pandemia. Dende a Asociación Moaña Antiqua amosan a bágoa por non poder facer o mercado medieval por culpa da previsión meteorolóxica mentres que a alcaldesa Leticia Santos resaltou o compromiso da festa de época coa cultura e o esforzo da organización por adaptarse ás circunstancias da pandemia e da choiva.