Moaña aposta por aprazar e non anular os eventos culturais sumándose a #NonNosCanceles

Publicidad

Moaña aposta por aprazar e non suspender os eventos culturais afectados pola crise do coronavirus. Nun vídeo publicado nas redes sociais do Concello, a rexedora local, Leticia Santos, anunciou que o equipo de goberno vén de decidir non cancelar os eventos culturais, senón celebralos máis adiante.

Aprazamos e non cancelamos porque temos un compromiso coa cultura deste pais e coas persoas que a crean”, explica a alcaldesa para engadir que “apostamos por aprazar para que a veciñanza os poida desfrutar e para que as persoas creadoras poidan seguir tendo un futuro neste país”.

Polo de agora, o Concello aprazou o Varadero Fest, un festival de música urbana previsto para o 2 de maio, a FeiraEcoArtesá, do 10 de maio, e a Festa da Diversidade.

Dende o Concello explican que todas as decisión se tomarán sempre esperando as indicacións das autoridades sanitarias, pero que o obxectivo pasa por poder ofrecer dentro da seguridade os eventos culturais previstos. Suporán tamén un premio para a rapazada e a veciñanza despois dun confinamento “exemplar”. O Concello decidirá as festas da reprogramación cultural cando se aclare a situación.

O municipio morrancense súmase así á campaña #NonNosCanceles, unha iniciativa que xorde dos profesionais da cultura en Galicia para manter as contratacións e o traballo no sector. Á iniciativa, convertida en tendencia estatal este luns en Twitter, adheríronse eventos, artistas e empresas como A Panadaría Teatro, Urdime, De Vacas, Silvia Penide, FIC Bueu, Chévere, Píscore ou Señora Supina.

Salir de la versión móvil