O universo folk pega un salto de nivel nesta edición do Festival Intercéltico do Morrazo. Ademais do cartel, que xa se presentou hai uns días, Moaña acollerá un evento no que a música será protagonista máis alá das dúas xornadas da cita musical. Este venres, os Xardíns do Concello foron o escenario da presentación de “A MOA”, a Mostra de Artesanía e Cultura Tradicional que conta cun cartel propio que ofrecerá á veciñanza e aos visitantes á vila morracense gozar de obradoiros, actuacións musicais e de danzas tradicionais, desfiles e expositores.
Esta primeira edición de “A MOA” estará organizada polo Concello de Moaña e a Asociación Moaña Antiqua. A Mostra terá lugar do 26 ao 30 de xullo no Paseo Marítimo de Moaña, na contorna do Palco da Música. As agrupacións locais serán as grandes protagonistas desta programación de “A MOA” na que haberá actuacións durante cinco xornadas. Nesta última xornada tamén haberá un concerto en sesión vermú, mantendo a tradicional cita que xurdiu nesta cita tan especial do festival en plena pandemia.
Nesta primeira programación de “A Moa”, destaca a presenza de Estatalá, un colectivo de músicos formado na actualidade por Úrsula Rial (requinta, frauta en re, percursións e voz), Xosé Liz (bouzuki) e Carlos Quintá (violín, acordeón diatónico e voz) que bota a andar no 2016 co obxectivo de facer música para os bailes populares das diferentes culturas musicais europeas. Coa experiencia de tocar en bandas coma Linho do Cuco, Sondeseu, Col&flor, Xisco Feijoo Grupo, Lizgairo, etc, levan aos escenarios unha música espida de elementos superfluos, centrada no ritmo, improvisacións e dinámicas que derivan nun concerto intenso e cheo de matices pensado exclusivamente para o desfrute do baile en comunidade. Durante o mesmo escoitaremos desde Moiñeiras ata An dro, Hanter dro, Jigs, Ruskenitzas, Bourrés ou Mazurkas.
Outro dos momentos importantes será Asociación Monteira Grupo de Danzas do Mundo. Este colectivo xurde no ano 1995 en Vigo coa finalidade de aprender e divulgar a música e as danzas do folclore internacional. Por iso, organiza en colaboración con asociacións culturais e veciñais de Vigo e a súa contorna clases semanais de danzas do mundo, bailes con música en directo e obradoiros con profesoras e profesores de diversos países.
Esta mestura poderase gozar en forma de concerto o domingo 30, ás 20:00 noras, na actuación musical que pechará “A MOA”. Pero tamén haberá un obradoiro dirixido por Suso Cancelas que tamén será gratuíto e non será preciso facer inscrición previa que xirará arredor das danzas do mundo. A actividade terá lugar nesta mesma xornada do 30 de xullo, ás 19:00 horas.
O outro obradoiro de “A MOA” terá lugar o sábado 29, ás 20:30 horas, e terá o baile galego como protagonista. O encargado de dirixilo é Manolo Cobas, que destaca a este diario que é unha actividade aberta a persoas que teñan diferentes niveis de baile galego, polo que poden participar dende principiantes ata xente que xa teña algunha noción. Unha das particularidades do obradoiro é que Manolo Cobas ensinará algúns pasos de baile que permitirán danzar durante os concertos que compoñen a programación do Festival Intercéltico do Morrazo.
En canto ao apartado gastronómico, haberá dúas barras na Alameda e para xantar hai unha pizzería, un posto de xamón asado, empanadas ou tortilla. En total serán cinco postos de comida mentres que de artesanía haberá 20 espazos. Ademais, tamén instalarase no espazo un stand de merchandising con produtos do Festival Intercéltico do Morrazo.