Moaña convértese de novo no punto de encontro dos produtos ecolóxicos, artesáns, de agricultura sustentable e de antigüidades. A contorna do Palco da Música acolle o vindeiro domingo 8 de maio unha nova edición da Feira EcoArtesá, unha das citas referentes do sector que contará con máis de 50 postos.
Un dos principais obxectivos desta mostra e darlle cabida á elaboración artesanal e as antigüidades, que serán os produtos estrelas das decenas de postos que participarán nesta nova entrega da Feira EcoArtesá, que entre esa oferta de espazos haberá tamén opcións para comer. Os asistentes poderán gozar dun clásico da gastronomía galega como o polbo e tamén haberá unha crepería.
A Feira EcoArtesá de Moaña terá lugar de 11:00 a 21:00 horas. Pero, como xa é habitual neste evento, a mostra non consistirá só en amosar os produtos, senón que haberá unha extensa programación paralela para amenizar a xornada. A primeira das accións programadas será ás 12:30 horas coa entrada na Feira do Grupo Folclórico Charaviscas, nun desfile no que participarán arredor de 30 persoas.
O evento tamén permitirá desfrutar do espectáculo infantil de Brais das Hortas, que protagonizará o que el mesmo chama como o “Consertasso na horta” (18:00) e poco despois chegará a quenda da innovadora proposta musical da banda de acordeonistas Argonat Band, procedentes de Mos (19:30).
Pero unha das grandes acción desta Feira EcoArtesá terá como destinatarios aos máis cativos. A organización permitirá, entre as 12:00 e as 14:00 e as 17:00 a 19:00 horas, aos máis novos a posibilidade de participar na confección dos Maios. Neste obradoiro haberá arredor de 16 monitores que axudarán ás nenas e nenos de diferentes idades a realizar, “in situ”, o Maio.
Por outra banda, na presentación do evento que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Moaña, a concelleira Coral Ríos anunciou que a Praza de Abastos estará aberta durante a xornada do 8 de maio para facilitar a labor dos postos de participantes e tamén para o público, que terá a súa disposición os baños deste espazo.