Moaña convértese na ponte que une o jazz galego e o estadounidense

Publicidad

O Festival de Jazz de Moaña consolídase nesa ruta que os amantes do xénero fan cada verán. A vila morracense acolle a terceira edición dun evento que terá unha importante presenza internacional. O cartel deste ano é unha especie de ponte cos Estados Unidos. Posiblemente, un dos músicos que mellor simboliza esa unión de Galicia con Norteamerica sexa Yago Vázquez. O pianista foi o encargado de amenizar o acto de presentación dunha programación musical que encherá do mellor jazz a Arboreda da Xunqueira durante os días 13 e 14 de agosto.

O cartel da terceira edición do Festival de Jazz de Moaña comezará o día 13 de agosto, ás 21:30 horas, con André Carvalho Group, conxunto liderado polo baixista André Carvalho, residente en New York, e un dos músicos de referencia do país veciño. A música seguirá ás 22:20 horas con Kurt Rosenwinkel Standards Trío. Kurt Rosenwinkel é un dos nomes fundamentais cando se fala do jazz dos últimos 20 anos. Trátase dun guitarrista que cambiou a concepción da guitarra no jazz e un dos músicos máis innovadores da música contemporánea. Acompañado por Alex Claffy ao contrabaixo e Gregory Hutchinson á batería, outro veterano da escea do jazz estadounidense.

O mércores 14 de agosto o festival comezará ao medio día cunha sesión vermú, a partir das 12:30 horas, a cargo de Toño Otero Trío. E pola noite chegará a quenda de Xan Campos Trío ás 21:30 horas. Xan Campos é unha das promesas do jazz galego. Un pianista cunha grande reputación xa a nivel nacional e internacional. Acompañado por Horacio García no contrabaixo e Iago Fernández na batería tocarán o seu, recen gravado, último disco. Ás 22:30 horas entrarán no escenario Mayte Alguacil Quartet. Mayte Alguacil é unha das mellores voces do panorama jazzístico peninsular. Estará no escenario por un cuarteto de luxo composto con Michael Kanan, un dos pianistas de mellor reputación da escea neoyorquina, Horacio Fumero, contrabaixista habitual do grupo de Tete Montoliu ademais dun dos músicos con máis experiencias neste país, e Jordi Rossy, batería do trío de Brad Mehldau e moitos outros.

O festival rematará cada día cunha jam session onde todos os músicos presentes poderán compartir o esceario. O primeiro día o trío de David Puime será o encargado da apertura desta jam session. Mentres que o mércores será Diego Alonso co seu trío quen se encargará da apertura.

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos; a concelleira de Turismo, Coral Ríos; o concelleiro de Mocidade, Pablo Ríos; e o concelleiro de Cultura, Carlos Juncal; xunto á Asociación de Jazz de Moaña presentaron nos xardíns do Concello o cartel desta terceira edición do festival. O equipo de goberno e os representantes da Asociación de Jazz de Moaña subliñaron que “o Festival de Jazz de Moaña xa é un referente dentro do abano de festivais da nosa comunidade e da Península” e apuntan tamén a “importante labor divulgativa e de achegamento desta música que levamos a cabo con este conxunto de actividades, que comezou cos concertos didácticos nas escolas e institutos e remata con esta mostra en forma de festival englobada no programa “Moaña Son de Mar”. Pola súa parte, a Asociación de Jazz de Moaña, encargados da produción das actividades, din estar “moi contentos, orgullosos, e agradecidos desta nova edición, cun cartel no que os artistas galegos conviven con artistas internacionais demostrando o grande potencial do jazz feito en Galicia”.

Salir de la versión móvil