Moaña duplicará as visitas guiadas de primavera ante o éxito das invernais

Publicidad

Excepcional acollida da primeira edición das visitas guiadas de balde para coñecer o patrimonio cultural e paisaxístico de Moaña. A iniciativa, impulsada pola concellería de Turismo que dirixe Coral Ríos, converteuse xa nun “fenómeno” que colga o cartel de “completo” dende fai semanas.

Aínda no ecuador do programa de inverno, con catro saídas programadas para visitar as canteiras do litoral, a franxa costeira de Tirán, o barrio de San Martiño e o pasado feminino do municipio, este programa de visitas esgotou xa a inscrición previa, con listas de espera que se achegan ao centenar de persoas.

“Aceptamos até 35 persoas por roteiro, pero ante a demanda tan grande apostamos por dous guías para ampliar os grupos até as 45 persoas”, explica a concelleira de Turismo. “A demanda para a saída especial polo Día Internacional da Muller foi tal que tivemos que sumar un novo grupo para o día 16 de marzo”, asegura Ríos.

Deste xeito, e ante a boa acollida da iniciativa posta en marcha en colaboración coa asociación A Illa dos Ratos, o goberno municipal reorganizou o programa previsto para a primavera co obxectivo de celebrar até oito visitas guiadas, fronte as catro previstas inicialmente.

“Descubre Moaña” celebra a súa primeira edición co obxectivo de amosar os encantos e tesouros do municipio, tanto para os veciños e veciñas como para os visitantes.

Salir de la versión móvil