Moaña lanza unha Ruta de Tapas con concertos en dez locais da vila para gozar da primavera

Publicidad

A primavera cómese en Moaña a golpe de tapeo. A vila morracense acolle en diferentes datas dos meses de maio e xuño un roteiro de once paradas por dez locais da hostalería moañesa. Cada establecemento será o protagonista da súa propia xornada, onde ofrecerá un total de tres propostas gastronómicas que estarán acompañadas pola mellor música en directo. Cada unha das propostas da “Ruta de Tapas de Primavera” terá un custe de 3,50 euros

O evento, denominado “Ruta de Tapas de Primavera”, presentouse este venres no Concello de Moaña. A cita comezará de forma oficial a vindeira semana coas paradas nos primeiros locais participantes no roteiro. O percorrido comeza o mércores 11 de maio no Bar de Moaña e continuará o día 13 no Bar Xardín.

Esta mestura entre a mellor gastronomía e a música local continuará o 20 de maio no Bar Eladio, o 25 de maio no Piscis de Domaio, o Bar Palito será o protagonista o 27 de maio e A Carriola collerá a súa quenda o 3 de xuño. Muxicas asumirá a testemuña o 8 de xuño, A de Sandro o 10, Casa Adriano o 17 de xuño, A Cibeles o 22 de xuño e pechará este roteiro gastronómico un clásico destas citas, o Piscis de Domaio o 29 de xuño. Todos os establecementos que participan nesta cita acollerán concertos entre as 20:00 e as 23:00 horas, polo que a troula está máis que garantida.

A presentación do evento contou coa presenza da alcaldesa de Moaña, Leticia Santos. A rexedora destacou que este roteiro por dez locais da vila morracense permitirá “axudar” a dous sectores que sufriron na pandemia como foron a hostalaría e a cultura. Pola súa banda, a concelleira de Turismo e Promoción Económica, Coral Ríos Santomé, resalto que “unha das cousas boas da pandemia foi a unión e o asociacionismo dos hostaleiros de Moaña”, unha unión que permitiu que saíran adiante iniciativas como este roteiro de tapas con banda sonora en directo propia.

Salir de la versión móvil