Cultura para anunciar cultura. Esa é a aposta do Concello de Moaña para dar a coñecer unha parte da programación dun verán no que a vila morracense será un referente a nivel galego ao acoller o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia e as xa habituais citas do Festival Intercéltico do morrazo, Moaña Antiqua e toda a oferta que formará parte de Moaña Son de Mar.
A proposta do Concello de Moaña para coñecer esta primeira fase da súa oferta cultural é programar un concerto de Anxo Lorenzo o vindeiro sábado 24 de abril ás 22:00 horas. O recital pódese seguir dende calquera parte do mundo. Os únicos requisitos son ter Internet e ter moitas gañas de gozar coa música que nos representa como cultura. O gaiteiro moañés non estará só no escenario, senón que estará acompañado por Carlos Arévalo, Jorge Juncal e Rubén Bada.
Moaña retransmitirá o concerto a través de varias canles. O streaming poderá seguirse dende as canles do Facebook do Concello de Moaña, do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, de Moaña Son de Mar, do Festival Intercéltico do Morraza, do Moaña Antiqua e tamén poderá desfrutarse dende a canle de Youtube do Concello de Moaña.
A concelleira de Turismo e Promoción Económica da vila morracense, Coral Ríos Santomé, destaca a este diario que “Moaña aposta forte pola programación do verán”. Tratarase dunha época estival especial para a localidade moañesa ao acoller ese Encontro de Embarcacións Tradicionais que atraerá a máis de 120 embarcacións diferentes e supón que este gran evento regrese á ría de Vigo.
O Concello de Moaña confirma, coa programación do concerto de Anxo Lorenzo, a súa aposta por aliarse coas ferramentas tecnolóxicas para dinamizar e apoiar ao sector cultural, uns dos máis afectados pola pandemia. O Goberno que preside Leticia Santos xa foi capaz de organizar un Intercéltico do Morrazo cumprindo todas as medidas que marcaban as autoridades sanitarias e acolleu no pasado verán citas tan importantes como o concerto de Sés ou o Festival de Jazz de Moaña.