Moaña xa marca en vermello o calendario do 2021. A vila morracense convertese o vindeiro ano na sede da nova edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. A presentación desta gran cita tivo lugar no Salón de Plenos do Concello e contou coa presenza da concelleira de Turismo e Promoción Económca, Coral Ríos, José Sacau, presidente de Culturmar; Pablo Martínez, presidente da Asociación Sueste; e Odilo Barreiro, alcalde accidental de Moaña. No acto tamén estiveron presentes a deputada de Patrimonio da Deputación de Pontevedra, María Ortega; o concelleiro de Cultura e Patrimonio, Carlos Juncal; e o concelleiro de Ensino e Deporte, Juan Parcero. O acto estivo amenizado por Paulino da Seara, que interpretou unha serie de melodías coa súa arpa.
O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia terá lugar entre o 5 e o 8 de agosto de 2021. Sen embargo, a cultura mariñeira invadirá Moaña ao organizarse actividades complementaria que irán preparando ao municipio morracense para o evento máis importante da cultura marítima e fluvial do país.
Durante catro días, a veciñanza de Moaña e os visitantes terán a súa disposición nas rúas de vila durante catro xornadas exposicións, obradoiros, música, arte, actividades infantís e outras propostas de ocio que teñan relación tanto co mundo do mar coma dos ríos. O momento máis especial do Encontro será as ducias de embarcacións tradicionais que chegarán de cada recuncho da costa galega, así como outros mares e ríos do mundo.