Agosto é sinónimo de mar no concello de Moaña. Coa chegada do ecuador do verán, a programación cultural do municipio morracense encherase de “días de mar” dende este mesmo mércores, día 1, e até o venres 24.
En total, 40 actividades relacionadas co mundo mariño e musical aos que haberá que sumar tamén a xa tradicional ruta de tapas musicais, única na contorna. A programación desenvolverase en 13 puntos do municipio que podes consultar neste mapa.
Entre as primeiras citas, un clásico como a Festa do Mexillón, que este ano celebra a súa 24º edición. Organizada pola asociación de Mulleres de Moaña, en colaboración co Concello, arrancará o domingo, 5 de agosto, ás 12:00 horas no patio do Colexio de Reibón.
A cita con outro clásico, como son as embarcacións tradicionais, arrancará ás 17:00 horas do venres 10 de agosto coa botadura dun Racú restaurado pola asociación Sueste. Aínda que inicialmente prevista na Rampla da Ramona, finalmente producirase no Estaleiro debido ás mareas previstas. Esa mesma noite, a música correrá a cargo do Concerto de Obal con música tradicional no Eirado do Ferreiro con inicio previsto ás 21:00 horas.
Sábado e domingo, o Peirao da Mosqueira acollerá a xuntanza de embarcacións tradicionais. Todos os que o desexen poderán como de costume achegarse a coñecelas e incluso subir a bordo sempre e cando non se complete o aforamento.
Entre as novidades atópase o Festival de Jazz de Moaña, que este ano crece notablemente na súa segunda edición converténdose nunha cita de dúas xornadas. Terá lugar o luns, 13 de agosto, e o martes, día 14, no Parque da Xunqueira.
Consulta a programación do Festival de Jazz de Moaña
Tamén se recupera este agosto, por segundo ano consecutivo, a Festa popular de Bronlle, en Meira. Tras máis de dúas décadas sen celebrarse, a Carballeira de Bronlle encherase de actividades de zumba, xincanas e música. Destaca a actuación de Píscore, co seu “Concerto Singular” que arrancará ás 19:00 horas. Trátase dunha comedia musical e xestual dirixida por Fran Rei e formada por Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez y Pablo Cabanelas. Xuntos, levarán a Meira a improvisación e a necesidade de poñerse de acordo para compoñer pezas musicais.
O aceno feminino en canto a programación musical chegará o 17 de agosto coa actuación de VooDoo. O dúo, formado por Belém Tajes e Maritxinha, logrou en 2017 o premio Martín Códax da Música galega 2017 Categoría Soul/Funk/Blues. A cita terá lugar no Palco da Música a partires das 22:00 horas.
Actividades infantís
Dentro da programación de “Días de Mar” no mes de agosto, o Concello de Moaña contará con actividades para os máis cativos semanalmente. O mércores, 1 de agosto, a cita será con “Títeres seisdedos” e o seu espectáculo “Cocer e cantar” (Praza do Concello, 19:30h). O luns, día 13, será a quenda da “Maxia co Mago Berto" (Parque da Xunqueira, 19:30 h) e o "Trío Refugallo" presentará o seu “Ritmo Refugallo” o mércores, 15 de agosto (Carballeira de Bronlle, 16:00 h).
Roteiros guiados
No apartado literario, a axenda de agosto inclúe a presentación do libro “As canteiras do litoral de Moaña”, froito dunha investigación da arquitecta Tamara Campo Táboas. A cita terá lugar o mércores, 8 de agosto, ás 20:30 horas na casa do Concello. Será o preludio das visitas guiadas organizadas o domingo, 19 de agosto, e o 2, 16 e 30 de setembro.
A axenda de “Días de Verán” foi presentada esta mañá no Salón de Plenos do Concello de Moaña da man do concelleiro de Cultura, Salvador Meira, a concelleira de Turismo, Coral Ríos, o deseñador Diego Seixo, autor da fotografía da portada da guía da programación, e Luis Chapela, escritor de “Á calor da lareira” (2017) de quen se incorporou un fragmento da súa obra na guía. Estivo tamén presente Rodrigo Pastoriza, xerente de Fecimo, quen presentou a campaña da federación durante o verán "compriñas veñen" que inclúe a celebración de sorteos para os que merquen nos comercios locais.
Programación completa de Días de Mar