Moaña presenta un Intercéltico do Morrazo antiCovid: carpa e retransmisión por streaming

Publicidad

O Festival Intercéltico do Morrazo é o eterno supervivente. É o único festival folk que se vai celebrar este ano en Galicia.  O Concello de Moaña, na súa aposta pola campaña cultural “Non nos canceles”, leva o seu gran evento do ano a unha nova data. De finais de xullo a comezos de outubro. A cita musical máis esperada deste 2020 terá lugar o sábado 10 e o domingo 11. Será un festival distinto, cheo de singularidades dado estrito protocolo que marcan as autoridades sanitarias.

O evento será no espazo habitual, pero nesta edición marcada polo coronavirus instalarase unha carpa que estará situada entre a Praza de Abastos e o Palco da Música. O aforo é de 300 persoas. O Festival Intercéltico do Morrazo afronta unha edición especial. A máis galega dos seus últimos anos. Non haberá artistas internacionais, pero os asistentes poderán gozar do mellor folk galego. Será como unha viaxe ao pasado, presente e futuro do xénero do país.

Os encargados de inaugurar esta edición do Intercéltico do Morrazo será a banda Tiruleque, formación coruñesa coa que a organización destaca que “a festa está máis que garantida”. A música comezará ás 21:30 horas. A actividade regresará poucas horas despois ao Palco Principal. O domingo 11 haberá unha sesión vermú na carpa cargo dun clásico do folk galego como é o lugués Pepe Vaamonde. O recital comezará ás 12:30 horas. Por último, o colofón do Intercéltico do Morrazo chegará ás 21:30 horas con Leilía, que no pasado 2019 lanzou o seu espectáculo “CantarElas”, xuntando temas emblemáticos da súa traxectoria.

O festival volverá ser de entrada libre. Folk para todos. Nesta ocasión, as interesadas e interesados terán a súa disposición os convites na Caseta de Turismo dende este martes a partir das 16:00 horas. Poderanse retirar un máximo de catro invitacións por persoas e as entradas se despacharán para cada un dos espectáculos. A entrada será virtual. Todos aqueles que se acheguen deberán facilitar os seus datos, un teléfono de contacto e unha dirección de correo electrónico, onde recibirán as localidades.

Outras datas, cartel íntegro galego ou unha carpa. O Festival Intercéltico do Morrazo 2020 está cheo de singularidades. Será unha edición difícil de esquecer. O aforo de 300 persoas para un evento da tal calidade e demanda obriga a organización a ir un paso máis aló. A alcaldesa Leticia Santos explicou na rolda de presentación que os tres concertos retransmitiranse en streaming a través da canle do Facebook do Intercéltico do Morrazo e da plataforma Tolemias.tv.

O deseño do cartel é outro dos elementos destacados desta edición. A creación de Diego Seixo ten como protagonista ao músico Paulino e a súa arpa. O artista destaca que para el “é un orgullo e un aliciente dar a coñecer a música da arpa” a través da imaxe que representa o único festival de folk en Galicia que se vai celebrar este ano na xeografía.

A rolda de prensa de presentación do Intercéltico do Morrazo contou coa presenza os músicos Anxo Lorenzo e Iván Costa, a alcaldesa Leticia Santos e os concelleiros Carlos Juncal, Coral Ríos e Aldán Santamarina.

Salir de la versión móvil