Moaña quere converterse un verán máis no fogar dos festivais. Unha das súas citas estrela é o Varadero Fest, un evento que celebra a súa quinta edición totalmente consolidado como un referente na escena underground e que terá lugar os días 5 e 6 de xullo. A cita ofrecerá ao público asistente una programación que, segundo indican dende a organización, “promete ser inesquecible” para os amantes da música electrónica, o hip hop e os seus derivados.
O Varadero Fest 2024 contará cunha programación musical que estará encabezada cun dos grandes nomes da música urbana en España, Enry-K, quen presentará en exclusiva no festival moañés o seu último traballo, DOT, lanzado recentemente. Outros nomes que figuran neste “menú musical” do evento morracense serán a talentosa DJ e produtora galega de música de vangarda, Russ, coñecida pola súa habilidade para mesturar sons electrónicos que oscilan entre o Wave e o trance.
Pero esta quinta edición de Varadero Fest volverá a ser moito máis que música. A organización volverá a contar co impresionante espectáculo da Compañía Boombox, que pretende ter unha fonda pegada coa súa posta en escena. A colaboración coa Escola Municipal de Música, un piar fundamental deste festival, promete engadir unha dimensión educativa e formativa ao evento. E para pechar as noites con broche de ouro, o DJ Set de Sebastián Black asegurará que a pista de baile estea sempre chea.
Música, espectáculos, unha pegada pedagóxica e tamén un entorno único. O Varadero Fest celebrarase no fermoso Parque de San Bartolomeu, un espazo que mestura a tranquilidade da arboreda coa frescura da praia, ofrecendo unha experiencia única para os asistentes. Ademais, o festival que terá lugar os días 5 e 6 de xullo en Moaña destaca por ter unha representación importante de artistas locais, subliñando o compromiso do evento co talento da comunidade e creando unha plataforma para que estes artistas brillen nun escenario de alto perfil.
Por último, outra das grandes finalidades do evento morracense e ser un punto de encontro para a mocidade con inquedanzas culturais, converténdose nun fervedoiro de creatividade e expresión artística. A mestura de sons e estilos promete crear unha atmosfera vibrante e diversa, onde cada asistente atopará algo que lle resoe.