Moaña recupera o cinema ao aire libre con oito proxeccións durante o verán

Proxección de cine en Moaña

Publicidad

Volve o cinema ao aire libre a Moaña. O programa Son de Cine regresa para converter ao municipio morracense nun multicine a ceo aberto e a chegar o sétimo arte ás parroquias.

Este ano o ciclo adáptase ás normas que manda a pandemia do coronavirus, polo que as proxeccións contarán cun peche que permita garantir o aforo, de aproximadamente 200 persoas por filme. Amais, será obrigatorio o uso de máscara e, aínda que se poderá sentar en grupos familiares, cada grupo terá unha distancia de 1,5 metros con respecto ao resto.

Entre xullo e setembro proxectaranse un total de oito películas que comezarán sempre ás 22:00 horas.  A primeira das citas terá lugar o venres 3 de xullo na Praza 25 de xullo no Rosal. Seguiralle o venres 10 de xullo o filme que se proxectará no Parque de Tirán.

En agosto, as proxeccións terán lugar no Adro da Peregrina no Latón (venres 7), no aparcadoiro do parque infantil do Real no Con (xoves 13), na explanada do paseo marítimo no Palco da Música (xoves 20) e na contorna do CEIP de Domaio (venres 28).

Por último, as dúas derradeiras citas chegarán en setembro ao Adro da Capela dos Milagres de Verducedo (xoves 3) e ao aparcadoiro do centro sociocultural Daniel Castelao de Quintela (vernes 4).

O filme que se proxectará cada xornada farase público varios días antes. O programa, organizado polo Concello de Moaña, conta coa colaboración da AVV Tirán, Asociación da Comisión de Festas A Peregrina, AVV O Real, AVV A Praia-Seara, ACF Charaviscas, AVV Berducedo – Piñeiro e AVV A Bouza – Quintela.

Salir de la versión móvil