Moaña retoma a romaría popular da Festa de Bronlle na súa idílica carballeira

Publicidad

A festa popular de Bronlle, unha auténtica romaría nun escenario único como é a Carballeira de Bronlle, en Meira, regresa este luns festivo cunha programación de actividades que se desenvolverán durante toda a xornada, incluíndo un xantar popular.

A festa, que leva dous anos sen celebrarse por causa das medidas derivadas da pandemia, organízase por iniciativa do Concello de Moaña, que puxo de acordo ás entidades sociais da parroquia de Meira en 2017 para recuperar o histórico Festival de Bronlle que xuntaba a miles de persoas desde o ano 1976 ata mediados da década dos 90.

A xornada do luns comezará cunha ruta en mountain bike polos montes de Meira con saída e chegada en Bronlle e un percorrido de 30 quilómetros. A partires das 10:00horas, tamén haberá unha andaina polo sendeiro do río Barranco do Faro que estará organizada polo Club Atletismo Samertolameu.

Porén, a cita na Carballeira arrancará ás 11:00 horas, coa apertura da feira de artesanía. Ao longo da xornada haberá Cantos de Taberna da man da Asociación Meiramar-Axoúxeres (13:30 horas) e un concerto do grupo folc Os Melidaos (19:30 horas). A rapazada poderá desfrutar da actuación infantil “A vida tola” de Pajarito ás 17:30 horas, namentres que se celebrarán dous obradoiros para todas as idades. Un será de zumba, ás 12:30 horas, e outro de baile, ás 18:30 horas.

Coa recuperación da Festa Popular en 2017 volveu encherse a carballeira de Bronlle co son da música tradicional propiciando o encontro da veciñanza, que acode coa súa comida para o xantar (14:30 horas), no que ven a considerarse o corazón da parroquia de Meira, unha fermosa carballeira próxima á igrexa de Santa Baia de Meira. Haberá tamén polbeiro e ovos fritidos con pan de millo. A cita englóbase na programación de "Días de Mar" que enche de actividades Moaña até o 21 de agosto. 

No programa involucráronse colectivos da parroquia de Meira tan diversos como a Comunidade de Montes, a Agrupación Folclórica Meiramar-Axóuxeres, o Club de Atletismo Samertolameu, A agrupación de Cáritas de Meira, O Club Bicivoladores, A Asociación Veciñal Novameira, a asociación ZUMBA-kids ou a Comisión de Festas de Samertolameu que se encargan de coordinar as diferentes actividades.

Salir de la versión móvil