Moaña retransmite en vivo o Festival Intercéltico do Morrazo

Publicidad

O Festival Intercéltico do Morrazo afronta dende hoxe unha das súas edicións especiais. O evento consolida a súa etiqueta do “festival da resistencia”. Non fallou ningún ano. Neste 2020, ano marcado pola emerxencia sanitaria do coronavirus, tampouco o fará. Mudou de datas, da aposta do folk internacional no seu cartel e adaptase ás esixencias que marcan as autoridades sanitarias para asistir de novo á cita cos amantes da música na vila morracense e toda a súa contorna.

O protocolo de seguridade Covid é o habitual. Xel, distancia social, público en cadeiras... Moaña presenta un Festival Intercéltico do Morrazo con garantía de seguridade sanitaria. Pero, máis aló de todos eses cambios que obriga a Covid19, a organización da cita musical, a única de carácter folk que se celebrará este ano en Galicia, permitirá asistir aos concertos dende calquera parte do mundo. O único requisito é contar cunha conexión de Internet. A canle do Facebook do festival (premer aquí) e a plataforma Tolemias.tv retransmitirán en vivo os tres concertos que conforman a programación deste ano.

O Festival Intercéltico do Morrazo 2020 comeza este sábado co concerto da banda coruñesa Tirueque ás 21:30 horas. O evento continúa o domingo cunha sesión vermú, ás 12:30 horas, que correrá a cargo do lugués Pepe Vaamonde. O colofón chegará ás 21:30 horas con Leilía, que serán as encargadas de por o broche de ouro á cita musical morracense.

As entradas están esgotadas para os recitais de Tiruleque e Leilía. No momento de escribir a información soamente quedan localidades para o espectáculo de Pepe Vaamonde. As entradas, que son de balde, pódense retirar a través da plataforma Enterticket (premer aquí).

O evento será no espazo habitual, pero nesta edición marcada polo coronavirus instalarase unha carpa que estará situada entre a Praza de Abastos e o Palco da Música. O aforo é de 300 persoas.

Salir de la versión móvil