Tui celebrará este mércores, Día das Letras Galegas, a súa xa histórica Feira do Libro Galego, que suma 24 edicións. A cita, que terá lugar no Paseo da Corredoira, contará coa participación das librarías Iris e Nobel con trece postos de exposición e venda de libros, nos que haberá un 10% de desconto. A cita contará cun variado programa de actividades a celebrar ao longo da xornada para dinamizar esta feira do libro e para a promoción das nosas letras, a cultura e a lingua de Galicia nesta celebración do 17 de maio.
A programación comeza ás 11:30 horas coa lectura do pregón a cargo da escritora tudense Beatriz de Saracho, que vén de publicar estes días a súa primeira novela “La llave de plata” no selo Martínez Roca da Editorial Planeta. Beatriz de Saracho é mestra de Educación Infantil nunha das aulas do CRA “Mestra Clara Torres” de Tui, onde cada día os seus alumnos lémbranlle que existen moitas formas de facer maxia. Como ela mesma afirma, a lectura sempre a acompañou e por iso un día decidiu que era o momento de devolverlle o favor en forma de historias.
Ás 12:00 horas a compañía de monicreques “Viravolta” presenta “A nena que rega a alfabaca e o príncipe preguntón”, espectáculo clásico do teatro de marionetas popular no que empregan un retablo, unha guitarra e monicreques de luva para contar os namoramentos da falangueira filla do zapateiro e un príncipe sabichón. A representación, indican dende a compañía, a levan a cabo “tal e como nos chegou nas lembranzas da máxica velada do 6 de xaneiro de 1923 na que Federico García Lorca, Manuel de Falla e Hermenegildo Lanz agasallaron á familia e os veciños na casa do poeta”.
As actividades continúan ás 18:30 horas co espectáculo “A maxia nas letras” a cargo do mago tudense Samuel Moreno, que conta cunha ampla traxectoria que o levou a participar como concursante en “Got Talent” ou presentar o seu espectáculo “Why Not” no teatro OFF Latina de Madrid, e posteriormente en numerosas salas por toda España. O mago promete diversión neste espectáculo onde a participación do público é fundamental, tendo a oportunidade de presenciar a maxia en primeira persoa.
De seguido o Paseo da Corredoira será escenario da actuación da Banda de Gaitas “A Insua” da parroquia tudense de Caldelas con varios pasarrúas e a interpretación de diversas pezas folclóricas para animar ás últimas horas desta nova edición da Feira do Libro Galego de Tui.
A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, sinala que a celebración desta nova edición da feira do libro é “unha fermosa oportunidade para celebrar o Día das Letras Galegas cunha proposta de actividades que arredor da nosa lingua e a nosa cultura que ofrece o Concello de Tui dirixidas a todas as idades”. Estas actividades forman parte da programación “Tui en letras” que abrangue os meses de abril, maio e xuño e que conta co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra.