Mos celebra os seus matrimonios "de ouro"

Publicidad

Un ano máis, e xa van vinte e sete, o Concello de Mos celebra a súa tradicional Festa da Terceira Idade, que acostuma a ser un acto multitudinario, ao congregar a moitos dos matrimonios mosenses que celebran neste ano as súas Vodas de Ouro, xunto coas súas familias e amigos.

A Festa da 3ª Idade dirixida aos maiores, que se celebrará este domingo en Costoias, parroquia de Tameiga, comezará cunha Misa Cantada previa na Capela da Virxe da Pena de Francia. Esta emblemática festa soe gozar cada ano dun éxito rotundo (o ano pasado asistiron 700 persoas) e está concebida dende a administración local como parte do programa destinado ós maiores mosenses, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade; así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas.

Na Festa da Terceira Idade de Mos homenaxéase aos matrimonios, das dez parroquias mosenses, que cumpren os 50 anos de casados. Este ano o número total de mosenses que cumpren as súas vodas de ouro son 37 parellas de todo o municipio, un total de 74 persoas ás que dende a admistración local mosense xa se lles está a facer chegar cadansúa invitación.

Da parroquia de Tameiga procede o grupo máis numeroso, de 13 matrimonios, de Torroso 4 matrimonios, de Pereiras 3, de Petelos 1, de Sanguiñeda 2, de Guizán 3, de Mos 2, de Cela 5 matrimonios, de Dornelas 1, de Louredo tamén 1 e 2 matrimonios que actualmente residen en Vigo e O Porriño pero que son naturais de Mos.

Os obxectivos desta actividade son promover a calidade de vida das persoas maiores de Mos, impulsar a participación social activa e a integración das persoas maiores na comunidade, facilitar os medios para a reunión deste colectivo, previr a soidade, avanzar na capacitación e autodeterminación das persoas maiores, impulsar e dinamizar as relacións sociais e facilitar espazos de ocio para as persoas maiores.

O festexo iniciarase ás 12.00 horas da mañá cunha Misa Cantada na Capela da Virxe de Pena de Francia. Ás 13.00 horas a Charanga ‘Os Charamujas’ de Guizán dará un concerto e ás 14.00 horas comezará o aperitivo campestre gratuíto para tódolos asistentes. Os matrimonios homenaxeados tamén serán convidados polo Concello ó xantar. Coa sobremesa, ás 16.00 horas, chegará a actuación musical do Grupo 3.com e a entrega de agasallos ós homenaxeados. Ós matrimonios que non estean presentes entregaráselles o detalle no seu domicilio.

Salir de la versión móvil