O grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense, continúa en Ponteareas a xira polos concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para promover a interculturalidade e a inclusión. Será o sábado 18 de novembro, ás 20:00 horas, no Auditorio Reveriano Soutullo, no mes en que se celebra o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
O concerto complementa a mostra fotográfica ‘Galicia-Cabo Verde: unha irmandade’, que poderá visitarse ata o próximo día 20. A exposición foi realizada polo fotoxornalista Rober Amado no país lusófono como gañador da primeira edición do certame Imaxes con Fondo.
A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas de Batuko Tabanka, que tamén ofrecerá unha charla introdutoria na súa actuación. A agrupación reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo a bailar nalgunhas cancións.
Dar a coñecer un país co que tradicionalmente ten cooperado o Fondo Galego é tamén o obxectivo da exposición ‘Galicia-Cabo Verde: unha irmandade’. O reporteiro ferrolán Rober Amado, colaborador de diversos medios e galardoado tamén co premio Tiflos da ONCE, pasou un mes visitando boa parte dos proxectos alí apoiados, coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos como parceiro local. Froito do seu percorrido por media ducia de illas son as imaxes protagonizadas polas persoas beneficiarias destas intervencións, retratos da vida cotiá que en conxunto achegan ao espectador á realidade do arquipélago africano.
Desde 2002, o Fondo Galego cofinanciou no país máis de 30 proxectos de cooperación en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias. A exposición, que se estreou en 2013 coincidindo coa conmemoración da Irmandade Galicia- Cabo Verde que se concretou na visita dunha delegación caboverdiana, compleméntase con catro paneis explicativos.
A labor do Fondo Galego de Cooperación
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade chega en 2017 ao seu vixésimo aniversario.