O Concello do Rosal conmemora a festividade dunha das escritoras galegas máis representativas con música e poesía. Este domingo 25 de febreiro, o auditorio municipal acolle a tradicional gala do Día de Rosalía, un acto no que rosaleiros e rosaleiras poderán achegarse á figura e á obra da autora galega máis universal especialmente a través da palabra.
Como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, esta gala “busca ser unha pequena homenaxe a unha muller que foi pioneira do pensamento feminista, innovadora e adiantada ao seu tempo, precursora da poesía moderna e a autora que devolveu ao galego o seu carácter de lingua culta”.
Como cada ano, durante a gala varias persoas procederán á lectura de poemas da propia Rosalía de Castro e o público poderá desfrutar tamén do concerto do cuarteto vogal Son de Corda, que combina nas súas actuacións música a capella con acompañamento instrumental.
A gala comezará ás 19:00 horas e estará dirixida a público de todas as idades. O evento será de balde con entrada libre ata completar aforo. A alcaldesa convida a toda a veciñanza a participar e agradece a colaboración e participación de todas as persoas que prestarán a súa voz para conmemorar a figura de Rosalía.