Tras dúas sesións de grande éxito entre o público, o programa musical Música e Románico regresa esta fin de semana a Tomiño para continuar poñendo en valor o importante patrimonio histórico e artístico que representan as igrexas da época románica nas parroquias tomiñesas.
Nesta terceira cita o público poderá desfrutar este venres 21 de xullo na igrexa de Santa María de Tomiño dunha viaxe de ida e volta pola música celta co violín e o violonchelo do dúo Dídyma, un grupo formado por Oihane Jimeno e Cecilia Ferraz que chega de Pamplona para subirse ó escenario e divertirse interpretando pezas alegres da música celta e irlandesa que invitan a bailar.
As pamplonesas chegan a Tomiño co seu espectáculo ‘Ida e volta, por favor’, unha viaxe musical e cultural por diferentes terras nas que a música celta ten estado presente, como Canadá, Escocia, Inglaterra, Australia, Dinamarca, Irlanda ou España. Será unha viaxe en barco na que o público se converterá en pasaxeiras e pasaxeiros e as intérpretes na tripulación. Durante o percorrido interpretarán unha gran variedade de pezas musicais, algunhas tradicionais, outras compostas no século XXI, para facer un percorrido narrado con toques de humor e a naturalidade que representa a estas dúas artistas.
Un escenario ideal para o concerto
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida á veciñanza a participar nun novo concerto deste programa musical posto en marcha polo Concello e a “desfrutar da música na súa esencia máis pura nun escenario único, cun ambiente máxico que nos permiten mergullarnos na historia e beleza do noso patrimonio cultural”.
A actuación será ás 20:30 horas con entrada de balde e estará precedida por unha breve explicación ó público asistente dos principais elementos románicos da igrexa de Santa María de Tomiño, convertida por unhas horas nun particular escenario.