Música, festa e até neve para un Nadal de Moaña cos nenos como protagonistas

Publicidad

Este xoves, 5 de decembro, o Nadal chegará a Moaña. O Concello celebrará o acto de acendido do alumeado cun concerto da man da Escola de Música Municipal que arrancará ás 18:00 horas na Praza do Concello. Entre os elementos distintivos destacan as árbores do Palco da Música e da Casa do Concello. Ao longo das festas, o goberno municipal programará ao longo das festas diferentes actividades que estarán especialmente enfocadas para a rapazada.

Entre as novidades, atópase a neve. Xa tan de moda este ano nos diferentes municipios da contorna, chegará tamén a Moaña cunha nevarada que encherá de folerpas o alto da praza o martes, 24 de decembro. Coincidirá coa visita de Papá Noel que recibirá á rapazada entre as 16:30 e as 19:00 horas. Haberá tamén actividades infantís, photocall e xogos. Esa mesma xornada, unha ruada de Noiteboa encherá de música e alegría o centro urbano dende as 18:30 horas.

Un día antes, o parque infantil da praza de abastos -o alto da praza se chove- recibirá á outra persoaxe do Nadal galego, o Apalpador, que chegará dende as montañas do Courel para visitar aos nenos e nenas do municipio. A cita dará comezo ás 17:00 horas.

No ámbito festivo, dúas citas están marcadas en vermello a non perder para os rapaces. O domingo, 29 de decembro, a carpa do adro da Peregrina acollerá unha festa de fin de ano con música e xogos dende as 17:30 horas namentres que o martes, 31, terán lugar as xa tradicionais prebadaladas infantís. Celebraranse entre as 11:00 e as 13:00 horas e contarán con obradoiros e xogos para todos os que se acheguen. Haberá tamén cotillón e en lugar de uvas tomarán boliñas de queixo.

Ao longo do Nadal de Moaña tamén se proxectarán dúas películas, ambas na casa do Concello. A primeira, o luns 30 de decembro, será “Dumbo” e a proxección comezará ás 19:00 horas. Pola súa parte, o xoves 2 de xaneiro será a quenda de “El Grinch” á mesma hora. Ambas serán de balde.

O programa Rechouchíos celebrará tres edicións musicais especiais o sábado 21 e venres 27 de decembro e o veres, 3 de xaneiro na Praza do Concello. Por último, a Cabalgata dos Reis Magos sairá dende o Peirao da Mosqueira o domingo, 5 de xaneiro ás 17:00 horas. Reis Magos, cabalos, patinadoras e globos encherán de maxia a comitiva que finalizará na Praza do Concello.

O deseño do cartaz deste ano, no que unha grande árbore e o Apalpador son os grandes protagonistas, correu a cargo de Judith Chapela. 

Programación completa do Nadal

Salir de la versión móvil