Baiona celebra este 25 de agosto a súa tradicional homenaxe aos turistas cunha xornada cargada de actividades para o desfrute de veciños e visitantes. Dende primeira hora da mañá e durante todo o día a Vila converterase de novo nunha grande festa na que haberá todo tipo de actividades.
O pasarrúas “Hakuna Matata”, de Troula Animación, será o encargado de abrir o Día do Turista ás 11:00 horas, con saída desde a Praza do Concello e chegada ao Paseo Ribeira. Entre as 12:00 e as 14:00 horas haberá inchables para os máis pequenos no Paseo Ribeira, así como tobogán de auga e un superparque de bólas.
O humor chegará este ano ás 12:30 horas da man da performance de Rafa Durán como “O Turista Infiltrado”, que tamén actuará ás 18:30 horas, e as 13:30 celebrarase a Xira Marítima pola Baía de Baiona, con saída desde o Porto Pesqueiro (inscricións previas na Oficina de Turismo a partir do 22 de agosto ata cubrir as prazas).
Concerto de Navajita Plateá
Ás 19:30 será o momento para a visita guiada teatralizada "Baiona no Tempo" a cargo de "Non si Teatro?", dirixida por Mónica Sueiro e con saída dende a Oficina de Turismo. Xa de noite, ás 22:30 horas, chegará o concerto de Navajita Plateá, que celebrará o seu 25 aniversario na Praza do Concello.
O remate do Día do Turista será ás doce da noite coa preparación do conxuro da Gran Queimada a cargo de Rafa Durán e a posterior degustación gratuíta na Praza do Concello.
Ademais, ao longo de todo o día a Casa-Museo da Navegación terá as súas portas abertas con entrada libre e todos os peregrinos que visiten a Oficina de Turismo recibirán un obsequio ao presentar a súa credencial.
Dentro da programación do Día do Turista tamén se levará a cabo a entrega da Carabela de Ouro ao almirante Rafael Lorenzo Montero no Concello de Baiona (12:00 h).