Nigrán "descubre" a cultura africana cunha mostra de máis de 200 obxectos

Publicidad

O Concello de Nigrán inaugura hoxe ás 20:30 horas co concerto dos percusionistas de Bloquinho Aperta a exposición 'A outra cara de África', comisariada por Ibrahima Niang e que permanecerá aberta ata o 14 de decembro no Auditorio Municipal.

A mostra, dirixida prioritariamente a un público escolar ou entidades, reúne máis de 200 pezas representativas da vida e cultura deste continente, como instrumentos rituais, obxectos de culto, máscaras, utensilios domésticos, amuletos, xoguetes, etc. A mostra permanecerá aberta para todo o público de 10:00 a 13:30 horas.

"Cremos que é unha oportunidade excelente para que todos aprendamos máis sobre a riqueza deste continente, pero especialmente os máis cativos", reflexiona o alcalde, Juan González. Pola súa banda, Ibrahima suliña que un dos obxectivos da exposición é divulgar os valores e riquezas de África e combatir ao mesmo tempo o racismo, a xenofobia ou calquera discriminación.

En resumo, África, a gran descoñecida, móstrase á cidadanía para ofrecer a diversidade e a riqueza das súas culturas e a súa autenticidade, a través do achegamento respectuoso á súa artesanía, relixión, arte, etc., para descubrir unha sociedade con múltiples contrastes, para coñecer mellor a realidade dun pobo, reducir as distancias e compartir a esencia dunha cultura.

Ibrahima Niang, natural de Mauritania, é un coñecido representante da comunidade africana en Vigo, é fundador da asociación Aida (Asociación para la Integración del Africano) e dedica boa parte da súa vida a axudar aos seus compatriotas en Galicia e a divulgar a cultura e patrimonio do seu continente.

Salir de la versión móvil