O Concello de Nigrán despide o ano co concerto do grupo local Backup Souls este mércores 30 na Praza do Concello ás 19:00 horas (trasladarase ao Auditorio en caso de choiva). Backup Souls son un trío de músicos de Nigrán que reinterpreta grandes clásicos da música soul, jazz, funk e blues. O seu repertorio inclúe temas de Ray Charles, Bill Withers, Stevie Wonder, Kool&the Gang ou Prince, entre outros. Jose Pereira á voz, Mincho Alejos á batería e Pablo Carrera á guitarra son os compoñentes, que contarán nesta ocasión coa colaboración especial de Ale Fernández ao órgano Hammond.
A pesar do frío, o grupo promete subir a temperatura coas súas interpretacións cheas de calor e o seu repertorio para bailar e gozar. A actuación forma parte da bolsa de contratación do Concello para os artistas locais ante a crise económica xenerada pola Covid e que afecta duramente ao sector cultural.
Paralelamente, un pasarrúas de zancudos estará en Panxón o martes 29 ás 17:00 e ao día seguinte na zona comercial da Ramallosa á mesma hora. Ademais, continúa a xira itinerante polas parroquias de Voltereta e Volvoreta con ‘Un conto de Nadal’ (o martes no C.C.Parada do Miñor e o mércores A.V de Panxón) e o Rey Midas o martes no Parque da Feira. Todas as actuación son ás 17:00 horas.
A programación regresa o día 2 co novo espectáculo de Teatro do Ar ‘Contos para nenos modernos’ o sábado na Ramallosa e o domingo en Panxón e Peter Punk o día 4 na Praza Rosalía de Castro. Toda esta programación municipal ten unha temática de Nadal e está pensada para un público infantil, estando 100% formada por artistas do municipio despois de que se abrise unha liña de contratación específica como axuda ao sector.
Igual filosofía de achegar ás sete parroquias os mesmos eventos para non exceder aforos e evitar concentracións levarase a cabo o día 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis. Tal e como xa explicaron as Súas Maxestades a través dun vídeo para os nenos e nenas de Nigrán, multiplicarán o seu esforzo grazas, unha vez máis, a colaboración das respectivas entidades veciñais e culturais.