Os terreos municipais do Parque Empresarial Porto do Molle (ao carón do río Muíños), en Nigrán, acollerán este sábado pola tarde a cuarta proba puntuable da Copa de Enganches de Galicia. Trátase dunha oportunidade única en toda a comarca de apreciar esta disciplina deportiva, xa que é a primeira vez que se realiza dentro dunha competición oficial.
O evento presentase como unha tarde festiva, que arrancará ás 17:00 horas coa competición de “limoneras”, no que recibe a modalidade de enganche a un so cabalo. Ás 18:00 horas continuará cos “troncos”, a modalidade de enganche con dous cabalos, e ás 18:30 horas será o tempo da proba libre.
Ademais, unha vez finalicen as probas, haberá xincanas ecuestres (mounted-games) e a actuación musical de “La Patrulla”.
Esta Copa de Enganches de Galicia, que se celebra por toda a comunidade, chega agora ao Nigrán debido a “gran afección ao cabalo que hai no Val Miñor", segundo sinalan dende a organización.
Tralo seu paso por Nigrán aínda quedarán dúas probas máis, unha delas o 1 de outubro en Villamarín (Ourense) e outra pendente de concretar, na que se proclamarán os campións que optarán a representar a Galicia e á Federación Gallega no Campionato de España 2018.
A disciplina hípica de enganches desenvólvese en Galicia como competición federada desde o pasado ano, anteriormente realizábanse exhibicións nas diversas festas cabalares de Galicia. Esta proba está organizada pola Federación Hípica Galega en colaboración co Concello de Nigrán e Deputación Provincial.