Nigrán inicia a conta atrás para gozar do seu Entroido

Publicidad

O Concello de Nigrán arranca o sábado 10, co tradicional concurso de comparsas, a súa programación de entroido, que inclúe actividades para nenos e maiores ata o sábado 24 de febreiro, cando se celebrará o enterro do kiko.

Coma o dous anos anteriores, o concurso será pola noite e percorrendo o centro do municipio, participando nel 611 integrantes de 13 comparsas de Nigrán (5), Gondomar (4), Tomiño (2) e Vigo (2). Así, a partir das 20.00 horas, percorrerán a rúa Rosalía de Castro (á beira do Concello) dende o cruce con rúa Telleira ata a estrada do Ceán, realizando cada agrupación unha actuación á altura da Casa Consistorial, onde o xurado as avaliará. Tralo desfile a festa seguirá na Praza do Concello, onde ao rematar haberá unha gran verbena popular ata a medianoite a cargo do grupo Azar. Dende este día, o kiko do Centro Cultural e Recreativo de Parada quedará exposto no Auditorio Municipal.

Os actos continúan o luns 12 coa celebración do entroido infantil a cargo de Volvoreta e Voltereta dende as 17:00 horas e, o sábado 17, cun baile para maiores dende as 18:00 horas coa música en directo do trío Armonía. Ambas actividades celebraranse no Auditorio Municipal e se servirá unha merenda con doces típicos destas datas.

O entroido finaliza o sábado 24 en Nigrán co tradicional enterro do 'kiko' que, este ano, volverá a partir ás 18:00 horas dende o Concello ata a parroquia de Parada tirado por un carro de bois. Dende as 19:00 será velado na praza da Igrexa. Trátase dunha actividade cultural organizada xunto ao Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, artífice desta tradición.

"Programamos un entroido no que teñan cabida tódolos públicos e tamén con actividades específicas para o desfrute dos nenos e dos maiores, ademais, queremos poñer en valor as tradicións máis locais como é o caso do enterro do kiko, ao que lle daremos o sábado 24 total protagonismo", explica o alcalde, Juan González.

Salir de la versión móvil