O Concello de Nigrán ofrece este xoves 15 de agosto unha observación astronómica guiada na parroquia de Chandebrito. A actividade terá lugar ás 22:00 horas a carón do Castro de Chandebrito (no 'Bosque da Memoria') por estar afastado de todo tipo de contaminación lumínica e contar con gran bóveda celeste. A observación estará guiada por membros da “Fundación Ceo, Ciencia e Cultura” (vinculada ao Observatorio Astronómico de Forcarei) e se agarda poder contemplar algunha Perseida.
Os interesados en participar nesta observación (totalmente gratuíta e que estaba prevista para o sábado pasado pero o mal tempo obrigou a pospor) poden acudir directamente ao 'Bosque da Memoria' dende ás 21:30 horas ou, se descoñecen o lugar, presentarse en coche ás 21.00 horas no Concello de Nigrán, dende onde se organizará unha saída conxunta. Dado o lugar da observación, é preciso levar lanterna, calzado cómodo e roupa de abrigo, ademais dunha manta ou toalla para sentarse no chan.
O Concello de Nigrán iniciou esta actividade en agosto de 2015, reunindo xa na primeira edición a máis de duascentas persoas. Actualmente está instaurada como unha das propostas de referencia no calendario de verán dentro do festival 'ChandeFolk' que tivo lugar o sábado pasado, sendo unha proposta ideal para dar a coñecer Chandebrito. Colabora con esta actividade a Asociación de Veciños O Castro de Chandebrito e a Comunidade de Montes.