O Concello de Nigrán, dentro da programación especial das Letras Galegas, celebra este venres 18 de maio un contacontos infantil no xardín da Biblioteca Municipal ás 18:00 horas.
A actividade, dirixida a nenos de 3 a 12 anos e unha duración de 45 minutos, corre a cargo da narradora oral Raquel Queizás. Neste contacontos, denominado "Ruta propia", aparece na biblioteca un caixón cheo de libros, xoguetes, chapeaus, fotografías, follas escritas... Un verdadeiro tesouro que nos levará a coñecer o mundo cheo de historias creado e soñado por María Victoria Moreno.
Mentres os máis pequenos aprenden a linguaxe das estrelas e escoita soños, ela convidará á rapazada a viaxar ao seu carón. Unha oportunidade inmellorable para que nenos e nenas coñezan a importancia da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas e a importancia da cultura galega.
O evento, que terá lugar ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal de Nigrán, é de balde.
O sábado, representación de Naufraxio
O Concello de Nigrán aposta de novo pola compañía de rapaces e rapazas nigranenses Tearo do Ar, que con sete anos de traxectoria xa se converteu nun habitual dos programas culturais da localidade. Este sábado 19 de maio, ás 20:00 horas, representan no Auditorio Municipal a peza "Naufraxio".
A obra é un drama de actualidade. Nunha vila costeira, un político e un empresario especulan para a construcción dun hotel que infrinxe por completo a lei de costas. Para elo, precisan do voto de Xabier, líder da oposición no Concello. Despois da súa negativa comezará un xogo de chantaxes onde cada personaxe vivirá o seu naufraxio particular, un momento para decidir entre seguir loitando ou deixarse afundir.