Noites na Rúa en Salceda con música, tapeo e descontos para reactivar a economía local

Publicidad

Comercio, hostelería e cultura, tres dos ámbitos máis castigados pola Covid alíanse en Salceda para devolverlle a vida ás noites de outono. A Asociación de Comerciantes de Salceda (Acisa) e o Concello veñen de poñer en marcha as súas “Noites na rúa” un ambicioso programa que busca atraer a salcedenses e veciños da área metropolitana, sempre seguindo as medidas sanitarias pertinentes, con atractivos descontos, pinchos “gourmet” e animación cultural nas rúas.

O programa chega, segundo a rexedora local, Loli Castiñeira, co obxectivo de “devolverlle ao comercio e a hostelería local o que nos deron durante todo este tempo” porque tralo confinamento “a vida segue e a dinamización do comercio local ten que ser máis forte que nunca”. Nese mesmo obxectivo coincide a concelleira de Comercio, Verónica Tourón, quen, na presentación oficial do programa, explicou que “en tempos difíciles nos que o comercio local e cultural están castigados pola pademia, a intención dende o concello e axudar a revivilos”.

As “Noites na Rúa” darán comezo esta mesma fin de semana con actividades o 2 e 3 de outubro, pero se repetirán a primeira fin de semana de cada mes, polo menos, até decembro. Os comerciantes asociados (podes ver a listaxe ao final desta noticia) ofrecerán descontos de máis do 25% e abrirán as súas portas de xeito extraordinario até ás 22:00 horas en ambos dous días. Amais, os que aproveiten para cenar ou tomar un pincho poderano facer nalgún dos nove locais de hostelería que participan cunha proposta de pincho e consumición dende 2 euros (en función da consumición). No apartado cultual, o venres 2 de outubro sa personaxes de Disney percorrerán as rúas do centro urbano e haberá flocos de millo de balde para a rapazada. O sábado, “El Patio” ofrecerá un concerto de balde ás 21:00 horas na Praza do Concello.

Dende Acisa, Alicia Cidanes, asegura que se busca “impulsar que se consuma no Concello e intentar a traer a xente doutros municipios” pero sempre garantindo a seguridade en tempos de pandemia con actividades que “requiren un esforzo maior” para os comerciantes. O propio comercio local agradece o apoio da veciñanza, que seguiu confiando nos pequenos autónomos para as súas compras diarias. De feito, segundo os datos municipais, a pesar da crise do coronavirus soamente se produciu un peche dun local de hostelería, que se compensou coa apertura doutro.

Salir de la versión móvil