A Concellería de Comercio do Concello de Ponteareas organiza o primeiro roteiro musical “1º Pentagrama Hostaleiro” que se celebrará os vindeiros días 17 e 18 de febreiro. Nesta fin de semana ábrese o telón para os noventa microconcertos de música tocada á banda que inundarán coas mellores notas un total de vinte establecementos hostaleiros. Os músicos rompen o molde e saen ás rúas e establecementos de Ponteareas para encher de ritmo os locais de hostalería.
A Banda de Música Xuvenil de Xinzo e o alumnado do conservatorio municipal intrepretarán temas actuais de moi diferentes estilos nos bares de Ponteareas.
En sesión de mediodía e en sesión de tarde/noite a música amenizará os bares do centro urbano. Dende as doce do mediodía ata as dúas da tarde e dende as oito da tarde ata as dez da noite temas de hoxe e de onte interpretados polos músicos ponteareáns en directo.
Esta iniciativa da concellería de comercio que dirixe a socialista Inés Vidal ten un dobre obxectivo, dinamizar a hostalería ofrecendo novos servizos á clientela e promocionar aos músicos das bandas locais e do conservatorio.
“Facendo uso dos nosos potenciais locais e aunando forzas temos moito que ofrecer aos visitantes e cidadanía. En Ponteareas temos de todo: comercio, gastronomía, oferta cultural, música e conxuntos musicais de todos os estilos, patrimonio e xente con moitas gañas de emprender”, explica a concelleira de Comercio.
Acordes que sorprenderán á clientela pola súa orixinalidade porán cara e nome aos moitos músicos que participan nesta iniciativa.
Facendo gala da súa tradición musical Ponteareas baixa do escenario aos seus músicos para traballar codo con codo coa hostalería.
Coa intención de facer máis fortes aos hostaleiros, ao comercio, aos praceiros e aos emprendedores a concelleira Inés Vidal sacará a concurso a dinamización “real” destes sectores “non pretendo elaborar un documento, senon accións específicas, concretas e reais que se poidan aplicar e que verá a luz nuns meses”.
A concelleira de Comercio agradece aos establecementos participantes a súa implicación, colaboración e gañas de ofrecer á clientela o mellor servizo.