A plataforma Grupos de Vigo en Loita organiza un concerto o venres 23 de decembro para protestar contra o que consideran "acoso a concertos por parte da Policía Local". Precisamente o seu último concerto, programado ao igual que este na Sala Molotov, foi suspendido por este corpo durante a súa celebración. “Alegaron un problema de ruidos a pesar de ter lugar nunha sala insonorizada que opera de noite con normalidade”, explican dende a plataforma. Aquel evento tiña como obxectivo reclamar condicións dignas en Vigosónico, as salas de ensaio municipais. Posteriormente houbo na cidade diversos casos de cancelacións de concertos en circunstancias similares, afectando incluso a recitais acústicos realizados ao mediodía.
Dende o colectivo de artistas de Vigo consideran que estas actuacións policiais encádranse na "situación de indefensión xeralizada que sofren as músicas locais e a desidia do Goberno local de cara a solucionar as súas problemáticas". Sinalan así mesmo que "a non concesión de licencias de salas de concertos por parte do Concello permítelles cancelar arbitrariamente practicamente calquera concerto que consideren por supostos ruídos". “As obras, a música de Nadal transmitida por megafonía ou os concertos ao aire libre organizados polo Concello superan amplamente o nivel de ruído de recitais acústicos ou de pequenos en pubs insonorizados", denuncian.
Para este concerto, Grupos en Loita contará con catro bandas viguesas, concretamente Lamprea Explosiva, Dientes, Gracias por Nada e os Super Pop-Jazz, que porán música cos seus diferentes estilos ás reivindicacións do colectivo. O concerto será totalmente gratuíto, e a apertura de portas terá lugar ás 20:30 horas para posteriormente dar comezo á música ás 21:15 horas. Ademais de protestar contra as cancelacións de concertos, o evento servirá para seguir reclamando “condicións dignas” en Vigosónico, cuxa continuidade é ata o momento incerta, ao rematar proximamente a concesión á empresa actual sen ter comunicado o Concello polo momento nada ao respecto aos grupos.
Grupos de Vigo en Loita naceu en xaneiro de 2022, logo de dous anos de peche indefinido de Vigosónico por parte do Goberno local. Agrupando a moitas decenas de bandas viguesas, a plataforma fixo eco do sentir xeralizado de que o peche destas instalacións "non foi pola pandemia como se alegou inicialmente, pois mentres o resto de salas de ensaio reabrían, Vigosónico seguía pechado". Pola contra, para estas bandas "estaba a suceder o mesmo que con Súbete o Castro ou coas salas de ensaio da Casa da Xuventude, pechadas de xeito similar hai anos polo Concello". Finalmente, as protestas do colectivo lograron a reapertura de Vigosónico, aínda co que consideran “recortes” nas súas condicións, contra os que continuaron a protestar.
Precisamente o peche das salas de Súbete ao Castro, producido supostamente de xeito temporal para arranxar uns problemas de humidades, fixo oito anos o pasado 21 de novembro. Esta efeméride será “sen dúbida tamén lembrada no concerto do vindeiro 23 de novembro”, afirman. Tamén apuntan que este servirá para reclamar unha maior presencia das bandas locais emerxentes na programación musical municipal, que ata o momento califican de “practicamente inexistente, a pesar das promesas que nos fixo o Concello nese eido”.