"O charco de Ulises", a gran produción de teatro galega que pasará por Tui, Cangas e Vigo

Publicidad

A produción do Centro Dramático Galego "O charco de Ulises", dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, arranca este venres día 5 en Tui unha xira que levará a peza a 20 concellos de Galicia e o norte de Portugal. Así o anunciou o director do CDG, Fran Núñez, na rolda de prensa realizada na localidade tudense para presentar a función programada para este venres. O percorrido da montaxe polas catro provincias galegas e o país luso prolongarase ata o 12 decembro.

Na súa intervención, Fran Núñez sinalou que se trata da xira máis ampla organizada pola unidade teatral da Xunta nos últimos anos, tanto polo número de funcións como pola diversidade de espazos, nos que figuran tanto as principais cidades coma pequenas vilas.

Segundo explicou Núñez, a iniciativa enmárcase na aposta do CDG pola descentralización da súa actividade, que fai que este ano participe en diversas propostas nun cento de concellos, e polo achegamento das artes escénicas á poboación de todo o territorio. Refórzase, ademais, a colaboración institucional coas administracións locais e co país veciño, Portugal, tamén obxectivos primordiais para a unidade teatral da Xunta.

Novo modelo de distribución

O charco de Ulises estreárase o 14 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago, onde tiña previsto permanecer durante catro semanas de representacións, que tiveron que ser suspendidas no seu tramo final por mor da pandemia. A súa posta en escena inauguraba, ademais, unha nova etapa na compañía pública, que pospoñía a distribución dos espectáculos de produción propia para reforzar o papel do CDG como motor escénico galego a partir da crise sanitaria. Así, iníciase agora esta ampla xira, na que tras a función de arranque en Tui, O charco de Ulises viaxa ao Barco de Valdeorras (día 6) e Celanova (día 7). A seguinte semana estará en Viana de Castelo (día 10), Barcelos (día 11), Ourense (día 12), Cangas (día 13) e Oleiros (día 14). As actuacións da segunda quincena comezan en Verín (día 17), e seguen en Monforte de Lemos (día 18), Vigo (día 19) e Pontevedra (día 20). Novembro péchase con representacións en Cariño (día 24), Rianxo (día 25), Vilagarcía de Arousa (día 26) e A Coruña (día 27). Xa en decembro, hai sesións programadas en Lugo (día 9), Arteixo (día 10), Narón (día 11) e Vilalba (día 12).

O clásico de Homero nun contexto galego

O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico. Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero. No equipo artístico figuran Pablo Giráldez O Pastor no deseño da escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción e Keka Losada na de produción en xira.

Salir de la versión móvil