O ciclo de outono da Clásica de Vigo quere despedir os "concertos malditos" adiados pola Covid-19

Actuación de la Orquesta Clásica de Vigo // OLALLA LOJO

Publicidad

"Concertos Malditos" será o nome do ciclo de recitais co que a Orquesta Clásica de Vigo despedirá o 2021. “O nome do ciclo está inspirado en toda a programación que tivo que ser cancelada ou adiada por causa das restriccións impostas pola pandemia, concertos mil veces programados e reprogramados... Unha homenaxe a todos os concertos malditos e os malditos concertos cos que mantivo nun continuo desvelo ao sector da música durante o último ano e medio”, explicou esta mañá o director técnico da orquesta, Manuel Martínez Torres, na presentación do programa.

Torres manifestou que “este ciclo preséntase como un desexo, como un chamamento á normalidade, a voltar a reunirnos co público para facer música de verdade” para engadir que “o acontecido nestes meses é de sobra coñecido, no sector da música, como en moitos outros, vivimos unha sucesión de incertidumes e silencios que nos levaron a reinventar os proxectos para poder sobrevivir e seguir compartindo a nosa arte cos públicos”.

A programación estará composta por tres citas. Este domingo, 26 de setembro, comeza a temporada de outono co concerto Maldita Percusión, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal do Concello. A segunda cita será o 23 de outubro, Maldito Beethoven con Severino Ortiz ao piano, ás 20:30 horas no Teatro Afundación. O ciclo péchase o 28 de decembro co Maldito Concerto de Nadal, no Teatro Afundación ás 20:30 horas, co concerto para piano de Edward Grieg interpretado por Berta Fresco.

PROGRAMACIÓN

Maldita Percusión

26.09.2021 | 20.00h | Auditorio Municipal do Concello de Vigo

A sección de percusión da Orquesta Clásica de Vigo abrirá este ciclo cunha proposta que achegue a música máis delicadada e próxima coa que conectarnos. Unha volta ao primario, á melodía e ao ritmo, con sonoridades e formas distintas ás habituais co obxectivo de iniciar un ritmo novo. Algo que nos permita construír unha realidade distinnta, esta vez, sen artistas malditos.

Maldito Beethoven

23.10.2021 | 20.30h | Teatro Afundación

O primeiro dos concertos malditos retomará o programa cancelado o 29 de decembro de 2021, o que sería un concerto de nadal cunha programación adicada á figura de L.V. Beethoven con motivo do seu 250 aniversario. Beethoven é fundamental para entender á orquestra como feito sonoro e celebrar a súa obra e memoria é unha tarefa sempre enriquecedora para músicos e públicos. Este programa xirará arredor dunha obra esencial do compositor: O Concerto para piano e orquestra n.4 en sol maior, que será interpretado por Severino Ortiz Rey, e será posto en relación á Sinfonía n. 3 en mi bemol maior do mesmo compositor nun monográfico de luxo.

Maldito Concerto de Nadal

28.12.2021 | 20.30h | Teatro Afundación

A Orquesta Clásica de Vigo pechará o ano celebrando o tradicional Concerto Extraordinario de Nadal. O programa retomará o primeiro concerto cancelado pola pandemia, programado inicialmente para o 14 de marzo. Tras este momento, intentouse reprogramar en varias ocasións mais non foi posible. Agora, prográmase como maldito concerto de nadal, en agradecemento a Berta Fresco, polo seu traballo e comprensión ante unha decisión tan complicada como é deixar marchar o traballo de meses. Este programa despedirá o ano interpretando o Concerto para piano e orquestra en la menor, Op. 16 de Edward Grieg e a obra de Igor Stravinsky, O paxaro de fogo. Unha peza, esta última, cargada de simbolismo co que A Clásica quere facer un chamamento a un novo tempo sen músicos nin concertos malditos.

Salir de la versión móvil