Bo tempo e cinema galego. Este é o combinado perfecto que o Concello de Mos ofrecerá este venres 27 de agosto aos que se acheguen ao exterior do auditorio do Centro Dotacional do Medio Rural da Comunidade de Montes de Torroso.
O municipio da Louriña acollerá a partir das 22:00 horas a proxección do filme María Solinha, a longametraxe do director Ignacio Vilar (A Esmorga, Vilamor) que leva á gran pantalla a lenda dunha muller icónica, condenada pola Inquisición cun relato que se move entre o século XVII e XXI. A cita contará ademais coa presenza do director que presentará a cinta e charlará sobre a mesma co público presente.
Grial Montes e Laura Míguez protagonizan a versión contemporánea da lenda dunha figura visionaria cuxo anhelo de liberdade a converteu en icona feminista. Ademais, o carismático reparto conta con Santi Prego (Mientras dure la guerra), con Antonio Durán 'Morris' (Fariña, Dhogs) e con Mabel Rivera (Mar Adentro, Los fantasmas de Goya).
Previamente á proxección, o mosense Anxo Martínez Rojo presentará a súa curtametraxe “Aqueles días de agosto”. A curta de Martínez Rojo, que dura 9 minutos, farase antes do visionado da película “María Solinha” e, o coloquio con el, realizarase unha vez rematada a longametraxe.
O acceso ao recinto exterior no que se realizarán as proxeccións abrirase ás 21:00 horas, co aforo limitado por protocolo preventivo antiCovid. A entrada é gratuíta até completar as prazas.