O deporte chega ás festas de San Telmo de Tui coa Carreira Solidaria e a Feria Cabalar

Publicidad

O deporte está tamén presente nas Festas de San Telmo. Este sábado celébrase a Carreira Solidaria e o domingo e o luns a Feira Cabalar, dous eventos que foron presentados esta mañá. Na rolda de prensa participaron Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; Rafael Estévez, concelleiro de Deportes; Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura; Laura Solla do Club Atletismo Tui; Elvira Crespo do Club Hípico Equigalia; Jesús Gómez, José López e Rosa Moreira da Asociación Cultural San Roque e Bartolomeu; e Luís Romero da Peña Cabalar Val do Louro.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, manifestaba na presentación que “hoxe nos congratulamos todos de presentar dúas probas emblemáticas das festas de San Telmo”. Salientaba coma a Carreira Popular “sempre tivo altísima participación” e agradeceu ao Club Atletismo Tui “a súa implicación nesta proba e no desenvolvemento da práctica deportiva, en especial do atletismo”.

Con respecto á Feira Cabalar que este ano se celebrará ao longo de dúas xornadas, domingo e luns, Enrique Cabaleiro, destacou que “este concello ten a peculiaridade de que hai moitísima afección ao mundo dos cabalos, case podemos dicir que somos unha potencia nese senso, e iso débese, entre outras cousas, ás e aos profesionais que están traballando día a día". Amosaba así o seu agradecemento á Peña Cabalar Valle do Louro “pola súa implicación constante no desenvolvemento de actos relacionados co mundo equino" e á Asociación Cultural San Roque e San Bartolomeu que “sempre foron a alma mater de que en San Bartolomeu se puidera desenvolver este evento, que é un evento moi ligado ás festas e a ese histórico barrio". Tamén agradecía a colaboración e implicación de Equigalia, e tiña palabras de lembranza para Luís Pimentel de quen dicía "foi unha persoa moi implicada no mundo cabalar e no desenvolvemento de actividades de práctica deportiva de equitación, e polo tanto a quen todos e todas lle debemos moito” e anunciaba que “nos resulta sumamente satisfactorio e emotivo dedicarlle esta primeira proba de salto".

Pola súa banda o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, indicaba que a carreira de San Telmo é “unha carreira popular con inscrición gratuíta, pero solidaria coa aportación dun quilo de alimentos para SOS Tomiño-Baixo Miño", e engadía que "é unha proba con moito tirón".

Sobre a feira cabalar resaltaba que “serán dous días, o domingo centrado sobre todo nas probas deportivas“. E destacaba "o primeiro Concurso de Salto en memoria de Luís López Pimentel" así coma os espectáculos e actividades previstas.

Laura Solla, do Club Atletismo Tui, convidaba a participar nesta proba deportiva que se vai celebrar este sábado a partir das 11:00 horas con saída dende o Paseo da Corredoira "animar a todo o mundo a que veña á carreira de San Telmo, porque é totalmente popular" destacando que "é solidaria". Até onte á noite había xa 300 persoas anotadas. A inscrición está aberta até mañá mércores ás 23:59 horas na web clubatletismotui.wordpress.com. As distancias irán dos 5 quilómetros da categoría absoluta aos 80 metros dos máis pequenos. Elvira Crespo do Club Hípico Equigalia avanzaba que participarán na feira con ponis para “animar á xente a que se meta no mundo do cabalo” e o luns de 11:00 a 12:00 h organizan un concurso no que participarán os nenos e nenas do club.

Jesús Gómez da Asociación Cultural San Roque e San Bartolomeu explicaba que “imos procurar que saia o mellor posible” engadindo que “penso que vai a haber moita xente” sinalando que a coincidencia o luns do festivo en Portugal, poderá permitir que se acheguen tamén xinetes lusos.

Luís Romero da Peña Cabalar Valle do Louro explicaba que tanto o domingo coma o luns contarán coa presenza de Miron Bococi cun espectáculo de exhibición a nivel internacional no que “fai liberdade, doma vaqueira,… un espectáculo moi bonito”. Non faltará o concurso de enganche, e a actividade de compra venda de gando cabalar.

Salir de la versión móvil