O Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia, chega este luns 28 de agosto ao Concello de Baiona. O Multiúsos de Sabarís acollerá ás 21:00 horas un pase do filme ‘María Casares, a muller que viviu mil vidas’, do realizador Xavier Villaverde e producido por Agallas Films. O título foi gañador do premio Mestre Mateo na modalidade de mellor documental.
O documental é unha homenaxe desde a Galicia natal que, tras o primeiro centenario do seu nacemento, rememora a importancia da figura de María Casares abordando a súa historia de forma íntima e profunda. Trátase dun retrato dunha vida que estivo marcada pola Guerra Civil e polo exilio, e na que se entrecruzan personalidades culturais do panorama internacional cos acontecementos históricos sucedidos na Europa do século XX.
Ademais de Baiona, a segunda edición do Ciclo Mestre Mateo recala na Guarda, A Estrada, O Grove e Caldas de Reis. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación cinematográfica que inclúe, xunto con ‘María Casares, a muller que viviu mil vidas’, ‘Unicorn Wars’ e ‘O corpo aberto’, recoñecidas respectivamente como mellor documental, mellor longametraxe de animación e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo.
O resto de títulos do programa son os documentais ‘Onde máis doe’, de Manane Rodríguez, estreado o pasado 2022 no OUFF-Ourense Film Festival, e ‘A foreign song’ (César Souto, 2022), gañador dos premios á mellor longametraxe española e mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón. Tamén o filme de animación ‘Valentina’ (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española, a película ‘Live is life’, de Dani de la Torre e con guión de Albert Espinosa, e a longametraxe ‘Código Emperador’ (Jorge Coira, 2022), que foi estreada no Festival de Málaga.