O festival de Moaña afronta a edición máis feminina da súa historia co 70% de grupos formados por mulleres. O Intercéltico do Morrazo inicia a conta atrás para facer de Moaña a capital das nación celtas. O festival celébrase en Moaña entre o 25 e o 27 de xullo. Esta será a “edición máis feminina da historia”, segundo destacou a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, na presentación oficial da programación.
A cita arrancará con Habelas Hainas e Talisk, este último é a primeira vez que visita Galicia. Tamén se estrea no país Kinnaris, que estarán acompañadas polas Tanxugueiras. O festival finalizará con Anxo Lorenzo e Sharon Shannon.
Na primeira xornada, o xoves 25, crearase asemade unha alfombra floral coas bandeiras do conxunto das nacións históricas celtas. Como de costume, os grupos folclóricos de Moaña realizarán o seu desfile de apertura polo paseo marítimo dende as 19:30 horas, para finalizar cunha actuación no Palco da Música. Participarán os Gaiteiros de Moaña, Solaina, Breogán, Moañesa de Música e Danza, Charaviscas, e Miramar Axóuxeres.
O venres 26 e o sábado 27 instalarase tamén a Mostra de instrumentos Tradicionais que contará con obradoiros e actividades paralelas que serán presentadas nos vindeiros días.
Habelas Hainas, o grupo encarga de abrir o festival o xoves 25 ás 22:30 horas, é un exemplo do novo trad e folk galego, onde as mulleres van ocupando cada vez máis o papel protagonista que lles corresponde. A agrupación está formada por Arantza Alfaia (tamboril, bombo, darbuka e caixón flamenco), Jara Ortiz (voz, bombo, pandeireta, crótalos árabes), Patri Gamallo (gaita, adufes, guitarra) e Sandra Tamayo (acordeón, gaita e pandeiro).
Na mesma noite pasará polo escenario Talisk, directamente dende Escocia. Formada por Mohsen Amini, Hayley Keenan e Graeme Armstrong, representa un estilo musical cheo de boas vibracións que ten levado a festivais líderes no mundo, como o Cambridge Folk Festival, o Denmark's Tønder, o Philadelphia Folk Festival, ou o Celtic Connections de Glasgow. O lanzamento do seu segundo álbum, Beyond, en outubro de 2018, atopouse cunha puntuación de cinco estrelas 'Top of the World' en Songlines, definindo á banda como “incriblemente pegadiza e entrañable... fresca, enérxica, consolidada e divertida”.
A segunda xornada, o venres 26, comezará ás 22:00 horas con outra presenza escocesa, a do quinteto feminino Kinnaris. Cos seus inicios no 2017, esta agrupación conforma un son dinámico e convincente que casa as diversas orixes musicais, influencias e estilos das súas integrantes. Kinnaris combina folk escocés e irlandés con bluegrass e clásica, todo da man de cinco intérpretes que non poden esconder a alegría de tocar xuntas.
De volta a Galicia a última xornada arrancará ás 22:00 horas co moañés Anxo Lorenzo. O músico local presentará o seu novo disco “Vortex”. Lorenzo estará arroupado nesta cita tan especial pola súa banda e polos músicos irlandeses Blackie O’Connel e Cyrill O’Donoghe, que tamén colaboran neste novo álbum. O gaiteiro moañés promete moitas sorpresas neste concerto no que haberá un percorrido polos seus anteriores traballos discográficos que suporán un colofón ideal desta nova edición do Festival Intercéltico do Morrazo.
Por último, corresponderalle a Irlanda pechar a trixésimo quinta edición do Intercéltico co concerto da brillante Sharon Shannon. Esta acordeonista, frautista e violinista é quen de competir nas listas de éxitos cos fenómenos internacionais do rock e o pop. Revelación da música tradicional irlandesa da última década, sitúase como a que máis discos ten despachado, destacando polo seu acerto para combinar a música tradicional irlandesa con co reggae, o cajún, o hip hop, a música escocesa ou a francocanadiense.
A XXXV edición do Festival Intercéltico do Morrazo foi presentada este martes, 9 de xullo, da man do comité organizador formado por Xavier Blanco, Anxo Lorenzo e Iván Costa e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, a tenente alcaldesa Marta Freire e os concelleiros Coral Ríos, Aldán Santamarina e Carlos Juncal.