O Entroido da Moaña preséntase con nove días de troula: descubre a súa programación

Publicidad

Nove días de troula. Máis dunha semana de Entroido. Moaña presenta as súas propostas para unha das festas más divertidas e agardadas do ano. A festa será do sábado 22 de febreiro ao 1 de marzo. O formato, similar a das edicións pasadas. Unha das grandes singularidades da vila morracense será esa especie de xira que fará que a maxia do Entroido chegue aos barrios. A festa contará cun festival de comparsas que acollerán o adro de San Benito de Domaio, do IES As Barxas, do C.S. Daniel Castelao -en Quintela-. A cita comezará co pregón da comparsa “Sen tempo non era”, que será a previa perfecta da actuación das comparsas e a degustación gratuíta de orellas e filloas que terá lugar na Carpa do Entroido que se instalará no Paseo Marítimo.

O Entroido de Moaña 2020 volverá dar un papel fundamental á cativada. A programación para os máis pequenos é chave para poder conciliar as vacacións nos centros educativos e a vida laboral das nais e pais. O evento principal será de novo ese Enterro da Xoubiña que terá lugar o sábado 29 de febreiro ás 17:00 horas. Os centros de ensino e ANPAS do Concello colaboran neste desfile que fai canteira, que fai afección de Entroido e no que participan centos de nenas e nenas. A cita conclúe con espectáculo pirotécnico. A organización sinala que en caso de choiva, o Enterro da Xoubiña trasladarase ao domingo 8.

As actividades deseñadas para o público infantil intensificaranse o luns 24, o martes 25 e o mércores 26 de febreiro. O luns e o mércores terán lugar os obradoiros, a música e a animación no alto da Praza de Abastos e na Carpa do Entroido que estará situada no Paseo Marítimo, respectivamente. O martes será a xornada do concurso infantil de disfraces no pavillón da Xunqueira (17:00 a 20:00). A Concellaría de Cultura sinala que as interesadas e interesados en participar deben inscribirse no lugar de celebración deste certame no que tamén participa na organización o Balonmán Moaña.

Os adultos, ademais da intensa programación de actuacións de comparsas por diferentes puntos de Moaña, terán unha das súas grandes citas o martes 25 de febreiro co concurso de disfraces individuais que terá lugar no pavillón da Xunqueira a partir das 22:30 horas. O formato é similar que no certame dos cativos. A inscrición será no propio lugar de celebración do evento e a cita tamén está organizada polo Balonmán Moaña e a Concellaría de Cultura.

Por outra banda, unha das citas singulares da festa moañesa é o Carnaval Tradicional de Meira, un desfile de Madamas e Galáns que con saída dende O Pazo Redondo (O Pombal, Meira) ata o paseo de San Bartolomeu, espazo no que se realizarán as danzas tradicionais. Este evento cheo de colorido e tradición será o domingo 23 de febreiro ás 17:00 horas.

A traca final do Entroido de Moaña 2020 chegará o domingo 1 de marzo co Enterro da Sardiña, o gran fin de festa do Carnaval moañés. Preto de 500 persoas participarán neste desfile que partirá ás 17:00 horas da rúa Ramón Cabanillas e chegará ata Concepción Arenal. Como é habitual, o evento concluirá con espectáculo pirotécnico.

A presentación do Entroido de Moaña 2020 permitiu coñecer o cartel da festa, un cartel realizado por Alba Díez López, estudante de 4º da ESO. No concurso de carteis participaron os centros de ensino de Primaria e o EIS das Barxas de Moaña.

Salir de la versión móvil